Irimia anuncia o arquivo da causa xudicial contra el e a súa continuidade como concelleiro de Cospeito

O concelleiro socialista de Cospeito, Daniel Irimia, anunciou publicamente o arquivo da causa que se seguiu contra el por unha suposta agresión á súa parella cando se atopaban os dous nunha voda. Foi o Tribunal de Instancia de Vilalba número 1 o que tomou esta decisión aínda que a súa parella recorreu o auto.
A detención tivo lugar tras unha denuncia dunha terceira persoa ante a Garda Civil durante os meses de verán e tras un día en prisión quedou en liberdade. Presuntamente empuxou á muller e esta caeu ao chan.
O PSOE, naquela ocasión a través de José Tomé, suspendeuno de militancia por "violencia machista".
Irimia fixo unha declaración pública para trasladar unha mensaxe centrada no respecto, a calma e a defensa da intimidade persoal, tras os acontecementos procesuais que o veñen afectando e que cualificou como derivados dunha situación “estritamente persoal e íntima”. Fíxoo, segundo explicou, “a título propio, persoal e incluso familiar”, agradecendo de maneira expresa “o respecto, o aprecio e o cariño amosado” tanto a el como á súa familia.
O edil subliñou que as súas palabras parten “do sumo respecto e da boa fe” cara a todas as persoas, incluídas aquelas que decidiron acudir á vía xudicial. Neste sentido, reclamou “convivencia, paz, serenidade, dereito á intimidade e garantía do anonimato” nun municipio no que, segundo indicou, as relacións sociais se desenvolven en marcos próximos nos que “todas e todos nos atopamos no día a día”.
Durante a súa intervención lembrou a súa traxectoria política, afirmando que desempeña o cargo de concelleiro “con orgullo, ilusión, compromiso, constancia e determinación firme”, e insistiu en que desde a súa entrada na vida pública foi consciente da necesidade de preservar ás persoas do seu ámbito privado da exposición política. “A consciencia da exposición pública ligada á política debe incluír a máxima responsabilidade respecto das persoas que acompañan en privado”, sinalou.
O concelleiro explicou que escolleu facer estas declaracións desde “a serenidade, a sensatez, a mesura e a madurez”, afastándose do que cualificou como “ruído mediático”. “Escollo a elegancia e o respecto”, afirmou, engadindo que non considera necesario realizar unha defensa pública da súa persoa porque, segundo indicou, “os actos, as palabras e o traballo falan por si mesmos”.
No plano xudicial, anunciou que existe xa un auto motivado de sobresemento provisional e arquivo, datado o 5 de xaneiro de 2026, aínda pendente da resolución dun recurso de apelación. Respecto a este proceso, deixou claro que non fará valoracións públicas nin entrará en “discursos do odio”, asegurando que esa actitude “non me representa”.
En relación coas decisións adoptadas polo seu partido, manifestou que as comparte plenamente e amosou o seu respecto pola organización e polas persoas que a integran. Ao mesmo tempo, reiterou o seu compromiso coa veciñanza, afirmando que seguirá traballando “para todos os veciños e veciñas deste concello, votáranme ou non”, porque, segundo destacou, “por encima de calquera organización política están os veciños e veciñas de Cospeito”.
Na parte final da súa intervención, pediu novamente respecto e serenidade, expresando a súa vontade de “pasar páxina” para centrarse no seu traballo, na súa familia e na vida cotiá. “Defenderei sempre a dignidade e a honra da miña persoa e das persoas que formaron parte da miña familia”, concluíu, sinalando que esta comparecencia supón o peche dunha etapa que non desexa revisitar. "Xamais merecín algo semellante na miña vida", pechou.