Irimia presenta este venres en Cospeito a candidatura socialista ás eleccións
Daniel Irimia, investigador, escritor e poeta, fará a presentación da súa candidatura do PSdG á Alcaldía de Cospeito nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. A cita será este venres, 12 de maio, ás 20.30 horas na casa da cultura da Feira do Monte. Están invitados a asistir "todos aqueles que queiran coñecernos e coñecer o noso proxecto", dixo o cabeza de lista.
Daniel Irimia asegurou que se abre unha nova etapa en Cospeito, que afronta, subliña, “con moita ilusión, con moitas ganas de traer e de facer cousas concretas no meu concello, de poñelo á altura dos municipios veciños en canto a infraestruturas básicas e de superar o estancamento e o abandono do actual goberno municipal”.
Daniel Irimia explicou que “revitalizar Cospeito, dinamizar o noso rural e desenvolver políticas que axuden a asentar poboación será a columna vertebral do noso programa electoral para facer de Cospeito o corazón da Terra Chá”. Nese sentido, anunciou tamén que presentará unha candidatura “renovada, con xente preparada e comprometida coa labor municipal, sobre todo, pegada ó pobo”.
Afirma Irimia que se trata de un grupo de persoas "diverso e que represneta a case todas as parroquias e coa que penso obter moi bos resultados e gobernar Cospeito coa xente que sabe de distintos ámbitos, xente consciente de onde habita e coa quero e pretendo gañar as eleccións".
Natural da parroquia de Momán, Daniel Irimia estudou bioloxía na Universidade de Santiago e especializouse en xestión da biodiversidade na de Granada. O seu amor pola terra e a natureza marca tanto o seu traballo como investigador no departamento de Botánica do Campus de Lugo como a súa obra poética e literaria.
Pola súa experiencia persoal e profesional, compaxinando estudos e traballo, Irimia considera fundamental prestar atención ás necesidades da mocidade. “Non podemos contentarnos con dicir que a xuventude é o futuro. A xuventude é o presente, e temos que darlle resposta ós mais novos para que non teñan que marchar das súas vilas. A política é a arte de facer posible o necesario para a xente co fin de prosperar en común, e eu non vou aforrar esforzos”. “Sei moi ben de onde veño. Sei moi ben a onde quero ir. Nunca me regalaron nada na vida e todo o que conseguín foi por puro esforzo persoal, e coma min, a maioría dos da miña xeración; os que traballamos e estudamos ao mesmo tempo. Farei o que sexa necesario con tal de traer cousas para Cospeito e modernizalo”, recalcou.
A CANDIDATURA
- Daniel Irimia Yáñez
- María González Castro
- Pablo Alvariño Vázquez
- Beatriz Díaz Pérez
- José Ramón Chao Iglesias
- Isabel Carral Fraga
- Álvaro Anllo Folgueira
- Sonia Muinelo Fernández
- José Manuel Gómez Verdes
- Alfonso Alonso Vigo
- Rosa Morán Luaces
Suplentes
- María Avelina García Alvariño
- Ramón Vázquez Rodríguez
- María Carmen Nodar Domínguez
- José Rodríguez Blanco