Isaac Rouco substitúe a Paco López á fronte do banco do Cabreiros
O Cabreiros xogou esta fin de semana o partido de ronda previa da Copa Deputación con vitoria e fíxoo por primeira vez ás ordes de Isaac Rouco, que se fixo cargo do equipo logo da saída de Paco López.
O equipo xermadés está hoxe na zona morna da táboa da Segunda Galicia norte despois de só dúas vitorias, ás que se suman 6 empates, no que vai de Liga.
O debut de Rouco trouxo aparellada unha vitoria contra un vello coñecido, o Mondoñedo, que está por baixo na táboa do grupo.
O novo adestrador do Cabreiros vén do Castro B sénior, onde pasou dous anos ante un equipo que foi en crecemento. Ademais, este vilalbés de nacemento desenvolveu a súa carreira como xogador Santaballés, Riotorto, Castro, Guitiriz, Mondoñedo e Muimenta.
O club anunciou a marcha de Paco López o pasado 29 de decembro agradeceu o traballo "por coller ao equipo no momento que o colliches, nunha situación moi complicada, e sacalo adiante con ganas, esforzo e moito traballo. Moitas grazas por este ano e medio e pola gran persoa que eres, sobra dicir que Cabreiros sempre será a túa casa."