Isabel Rodríguez deixa a Subdelegación do Goberno en Lugo tras sete anos

A funcionaria da Xunta e actual vicesecretaria xeral e voceira do PSOE de Lugo, Olimpia López, podería ocupar en breve a Subdelegación do Goberno en Lugo, en substitución de Isabel Rodríguez, que deixa o cargo tras sete anos á fronte da institución, tal e como se adiantou de forma súbita a última hora deste venres.
Isabel Rodríguez, médica e exconcelleira de Viveiro, accedeu ao cargo en 2017 sendo a primeira muller en ocupar esta responsabilidade en Lugo, un posto no que tivo que afrontar momentos complexos como a pandemia ou a caída do viaduto da A-6 en León.
Natural de Bóveda e asentada en Viveiro desde hai case tres décadas, Rodríguez, que tamén exerceu como médica, deixará a súa actividade política tras unha longa carreira, condicionada tamén pola normativa que impide continuar no cargo unha vez cumpridos os 70 anos.
Olimpia López podería ser a nova Subdelegada tras o seu salto á primeira liña política en xuño cando asumiu a vicesecretaría xeral e a portavocía do PSOE local na executiva liderada polo alcalde Miguel Fernández. Casada, con un fillo e veciña de Navia de Suarna, sempre estivo moi vinculada á vida social e política do municipio. Funcionaria de carreira do Arquivo Xeral da Xunta en Lugo, é licenciada en Documentación pola Universidade de Salamanca e desenvolveu a súa traxectoria profesional en Bilbao ata que regresou a Galicia en 2006.
Este cambio seguirá ao comunicado onte na Coruña, onde Julio Abalde substituirá a María Rivas e tamén dará continuidade a outros que tiveron lugar noutras provincias.