Isabel Rodríguez destaca en Begonte o éxito do Plan Director de Convivencia
Trátase da programación de actividades do Ministerio do Interior para a mellora da convivencia e a seguridade nos centros educativos que desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou, nunha charla celebrada no CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, o éxito de participación na programación de actividades do Plan Director de Convivencia e Seguridade nos centros educativos e as súas contornas que desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Isabel Rodríguez informou que preto de 9.000 persoas, entre alumnado, profesorado e familias, participaron este ano 2022 nas conferencias impartidas no Plan Director do Ministerio do Interior, “o que pon de manifesto o interese dos adolescentes nas temáticas que se tratan e o valor da formación que ofrecen a Garda Civil e a Policía Nacional aos escolares e familias da provincia”, destacou.
Ata agora, os formadores levan realizado 288 actividades en 80 centros educativos da provincia explicou a subdelegada que valorou a diversidade dos temas que abordan as conferencias como a violencia de xénero, o acoso escolar, os ricos das novas tecnoloxías e dos videoxogos, o perigo do consumo de alcol e drogas, as novas tecnoloxías ou a seguridade viaria, entre outros.
“A educación non soamente é a parte académica, como as Matemáticas e a Lingua, senón tamén o benestar do alumno", afirmou a subdelegada que subliñou que “desde o Goberno seguiremos insistindo en dar resposta a todas as cuestións relacionadas coa seguridade no ámbito escolar e fortalecer a colaboración coas comunidades educativas para mellorar a convivencia nas aulas”.
Na programación deste ano participaron alumnado de infantil, primaria, secundaria e formación profesional de centros educativos de 49 concellos da provincia.
Xornada en Begonte
A subdelegada participou esta tarde nunha charla para as familias de Begonte impartida pola Garda Civil na que se advertiu sobre o acoso escolar e os riscos relacionados co mal uso das novas tecnoloxías e os videoxogos por parte dos adolescentes.
Isabel Rodríguez advertiu ás familias da importancia de que os máis novos “utilicen de forma intelixente as ferramentas e aplicacións tecnolóxicas, aproveitando todo o que nos ofrecen para aprender, acceder a información e relacionarnos, pero sendo conscientes dos riscos que presentan o mal uso”.
Así mesmo, a subdelegada agradeceu ao centro e as familias o apoio a este plan “que trata de previr condutas e buscar solucións para que non exista ningún perigo no ámbito educativo”.