Isabel Rodríguez fai un chamamento á participación nas eleccións europeas deste domingo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A subdelegada presidiu a reunión que pon en marcha a planificación loxística cos secretarios dos concellos lucenses para garantir o correcto desenvolvemento da xornada electoral
eleccions-europeas-isabel-rodriguez
A subdelegada na reunión de secretarios dos concellos
4 Xuño 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu esta mañá xunto co secretario e vicesecretario da Subdelegación a reunión que pon en marcha a planificación loxística para as eleccións ao Parlamento Europeo deste domingo 9 de xuño. A xuntanza, celebrada no edificio da Axencia Tributaria, congregou aos secretarios e secretarias dos concellos lucenses para dispor o material, documentación e explicacións precisas para a xornada electoral.

A subdelegada animou a todos e todas as lucenses a participar destes comicios a través do seu voto, “pois moitas das decisións que se toman en Europa afectan á vida diaria das 285.233 persoas chamadas a votar na provincia”. Así, habilitaranse 391 locais electorais e 527 mesas de votación, que serán atendidas por 1581 persoas elixidas mediante sorteo.

Ademais, Isabel Rodríguez salientou os avances que se están a realizar en materia de accesibilidade, “pois por primeira vez haberá 4 intérpretes de signos de apoio ás persoas membros de mesa que así o solicitaron”. A maiores deste servizo, haberá dispoñibles 8 kits que permitirán realizar o voto empregando o sistema braille a electores con discapacidade visual, garantindo o seu dereito a voto coa debida autonomía, entre outras medidas de accesibilidade recollidas pola normativa.

Finalmente, agradeceu o traballo tanto do persoal da administración como das forzas e corpos de seguridade, que abrangue a comprobación dos locais de votación, a seguridade en todas as fases do proceso, a dotación de medios materiais e a transmisión de información oficial de apertura e peche de mesas, participación, escrutinio e transmisión de resultados.

0.090543985366821