Isabel Rodríguez recibe aos novos funcionarios que realizan as prácticas no centro penitenciario de Bonxe
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, deulle a benvida aos funcionarios en prácticas destinados por Institucións Penitenciarias ao centro de Bonxe, aos que recibiu na Subdelegación do Goberno. Xunto ao director, José Manuel Pernás, e a subdirectora de Tratamento, Ana Primoy, Isabel Rodríguez valorou positivamente a súa incorporación “por unha parte, para ampliar e contribuír á capacitación profesional das persoas en prácticas, e por outra, polo reforzo da plantilla, que redunda nunha mellor atención ás persoas internas e á súa reinserción na sociedade”.
Tras felicitalos por superar a súa formación inicial, a subdelegada desexoulles moitos éxitos e “satisfaccións profesionais e persoais” como empregados públicos, pedíndolles tamén “compromiso e profesionalidade no relativo á reeducación da poboación reclusa, un dos principios básicos das Institucións Penitenciarias”.
A subdelegada precisou que os novos funcionarios forman parte das convocatorias de emprego público de 2023, incorporándose tras finalizar un curso selectivo onde adquiriron as competencias técnicas necesarias para unha integración profesional progresiva. Nos próximos meses, está previsto que os funcionarios en prácticas completen a primeira fase de teoría e perfeccionamento, para logo someterse a un exame de capacitación e, si o superan, continuar o seu período de prácticas na provincia.
Das catro persoas, de entre 27 e 33 anos de idade, dous homes realizan funcións no Servizo Interior de Vixilancia, e dúas mulleres pertencen ao corpo de enfermería de Institucións Penitenciarias.
A subdelegada aproveitou a cita para agradecer o esforzo de todo o persoal dos centros penitenciarios de Lugo por seguir avanzando na tarefa de reinserción dos internos e das internas, traballando na educación e formación destas persoas e a súa plena inclusión na sociedade.