Isabel Rodríguez reparte chalecos reflectantes en Vilalba nunha campaña de Tráfico
A campaña ten como obxectivo concienciar a peóns, ciclistas e motoristas da súa propia condición de vulnerabilidade, así como sensibilizar ao resto de condutores da elevada exposición e fraxilidade destes usuarios.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, levou ao concello de Vilalba a campaña da Dirección Xeral de Tráfico de sensibilización sobre usuarios vulnerables nas estradas convencionais. Xunto coa alcaldesa, Marta Rouco, e o xefe provincial de Tráfico, Alberto González, así como edís do goberno local e membros do subsector de Tráfico da Garda Civil, realizaron un reparto de 200 chalecos reflectantes de alta visibilidade entre os veciños e veciñas do municipio.
Isabel Rodríguez lembrou a necesidade de “tomar medidas de autoprotección para ver e ser vistos, un reclamo co que conseguimos pechar o ano 2023 sen contabilizar nin un atropelo mortal, malia que nesta anualidade xa se produciu un, o que evidencia que debemos seguir insistindo e concienciando sobre seguridade viaria”.
No que atinxe á campaña, por unha banda persegue o obxectivo de concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa propia posición vulnerable, lembrándolles a necesidade de facerse visibles con elementos e pezas reflectantes, usar os sistemas de protección específicos como o casco así como a indumentaria axeitada para circular con bicicletas e motocicletas ou de cumprir e respectar as normas que lles afectan especificamente. Pola outra, búscase sensibilizar aos condutores sobre a elevada exposición ao risco destes usuarios e a necesidade de manter o nivel de alerta constante perante a súa presenza na vía.
Segundo a subdelegada, “debemos lembrar a estes condutores a necesidade de reducir ou moderar a súa velocidade ao toparse con usuarios vulnerables na estrada, extremar a precaución nos cruces e xiros, mirar polos espellos retrovisores con frecuencia, usar os sinais intermitentes de sinalización e respectar a distancia lateral dun metro e medio para adiantar a un ciclista ou peón que tamén estea usando a calzada”.
Esta iniciativa segue as liñas marcadas pola Estratexia de Seguridade Viaria 2021-2030 e polo Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025, que en ambos casos fixan como obxectivo específico a protección deste colectivo.