Isabel Rodríguez trasladouse a Abadín para manter unha reunión co alcalde

TerraChaXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe en Abadín o novo impulso do Goberno para completar a conexión a banda ancha ultrarrápida na provincia de Lugo con 4,6 millóns de euros.
Isabel Rodriguez concello abadin
11 Ago 2023

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe en Abadín o novo impulso do Goberno para completar a conexión a banda ancha ultrarrápida na provincia de Lugo con 4,6 millóns de euros. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vén de lanzar a terceira convocatoria do programa UNICO Banda Ancha que levará a fibra óptica a 2.319 familias e empresas de zonas remotas e illadas de Lugo. “O Goberno de Pedro Sánchez inviste 27,1 millóns na provincia, entre as tres convocatorias do plan, estendendo a fibra a 80.503 fogares e demostrando o seu verdadeiro compromiso para acabar coa fenda dixital, garantindo o 100% de cobertura de acceso a Internet de alta velocidade aos máis de 300.000 lucenses”, subliñou Rodríguez.

A subdelegada na provincia trasladouse este venres a Abadín para manter unha reunión co alcalde, José María López, a corporación municipal e veciños e veciñas, na que abordaron os avances deste programa no municipio, presente nas primeiras dúas convocatorias do UNICO Banda Ancha, e que achegará a conexión ultrarrápida a 1.566 fogares e pequenas e medianas empresas localizados en 464 puntos do concello onde a día de hoxe non dispoñen desta tecnoloxía.

"Queremos que os nosos municipios estean conectados para que as persoas póidanse instalar e desenvolver os seus proxectos de vida, para que a nosa xuventude quede e teña oportunidades e, sobre todo, para salvagardar o futuro do noso rural” sinalou Isabel Rodríguez, quen fixo fincapé na necesidade da formación en competencias dixitais dos cidadáns “para que ninguén quede atrás”.

Esta edición do programa UNICO Banda Ancha dá continuidade ás postas en marcha en 2021 e 2022 e está destinada a universalizar a cobertura de banda ancha ultrarrápida vía fibra como ferramenta de cohesión social no marco do Plan de Recuperación do Goberno. “Estas novas axudas permiten seguir avanzando co despregamento das infraestruturas necesarias para garantir unha conectividade adecuada a toda a poboación da provincia co compromiso firme de que no 2025 todos os municipios lucenses estean conectados a internet por banda ancha”, apuntou Isabel Rodríguez.

No caso de Lugo, ao igual que Galicia, os fogares e empresas beneficiados desta iniciativa atópanse en ‘zonas brancas’, aquelas que non contan cunha cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos. “Con este plan asegurámonos de que Abadín e os outros 66 concellos da provincia conten con conectividade de 100 megas na practica totalidade do territorio, facendo fronte ao reto demográfico”, engadiu a subdelegada.

Vía satélite a prezo asumible

A representante do Goberno informou que esta nova convocatoria de axudas para levar a conexión en banda ancha mediante fibra óptica, engádese á posta en marcha do programa UNICO Demanda Rural que prové a través de Hispasat, de conectividade vía satélite a zonas despoboadas de Lugo. Este plan ofrece a posibilidade de contratar unha conexión de, polo menos, 100 Mbps de descarga a un prezo de 35 euros ao mes para os usuarios, sen gastos adicionais e unha axuda de ata 600 euros para o custo da instalación, cunha cobertura do 100% da poboación naquelas zonas onde non hai acceso a redes fixas de polo menos 50 Mpbs. A plataforma a través da cal se pode facer a contratación é https://conectate35.es/.

Este programa, explicou Rodríguez, é unha solución transitoria que ofrece o Goberno mentres non conclúen os proxectos de extensión da fibra óptica que se están a executar nestes momentos.

0.22571682929993