Ítaca Teatro fará parada en Xermade o próximo sábado

A compañía lucense Ítaca Teatro presentará, o vindeiro sábado 31 de xaneiro, o seu espectáculo Instrucións para tomar café na Casa Escola de Cabreiros, O Chao s/n, no Concello de Xermade de Lugo.
Carlos Rebolo, contador de historias, artella este novo espectáculo a partires de relatos do libro Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, editado por Galaxia. Baixo o título homónimo, este espectáculo de narración oral reúne unha escolma de historias que falan de nós como seres humanos imperfectos.
En Instrucións para tomar café conviven a bondade coa mesquindade, o éxito co fracaso, o fortuito co intencionado, o real co imaxinado, nunha serie de retratos debuxados con humor e retranca.
Carlos Rebolo, que leva anos arrincando sorrisos e reflexionando desde o escenario, presenta un novo espectáculo de ÍTACA, disposto a facernos rir de nós mesmos e reflexionar sobre a vida ou, polo menos, sobre como tomar café.
A función comezará ás 19 horas e a entrada é de balde.