Itaca Teatro representa en Vilalba este sábado 'Formigas no peto'

TerraChaXa
Será ás 20.00 horas no auditorio municipal de Vilalba
teatro-formigas-no-peto
16 Out 2024

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba, organiza a representación da obra Formigas no peto, dirixida por José Campanari e interpretada por Carlos Rebolo, a cargo do grupo Ítaca Teatro, dentro do Circuíto de Teatro Profesional convocado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo para o presente ano 2024.

A representación terá lugar no auditorio municipal de Vilalba o sábado 19, ás 20:00 horas con entrada de balde. Haberá que realizar reserva na páxina web do concello ou na casa da cultura. Tamén se venderán as entradas o mesmo día no auditorio.

SINOPSE

Teatro contemporáneo. Público mozo e adulto. 80 min. Carlos, Carliños, Capi... conta, sinte, viaxa por momentos a lugares da súa infancia, que é, nin máis nin menos, a súa patria. As súas lembranzas parecen mesturadas con personaxes do cotián, que achega noutra mirada a súa historia, e con imaxes icónicas do cine ou da literatura, que evocan soños e pesadelos, os cales poderían ser unha metáfora da súa propia vida. Estes fragmentos de memoria viaxan no lombo das formigas que se agochan no seu peto e que, de cando en vez, transitan o corpo na procura de emocións.

Formigas no peto mergúllanos na infancia, como cerne do noso ser, a través da memoria do protagonista, unha memoria que en parte podería ser a nosa, porque nela danse a man o individual e o colectivo, o que nos fai únicos e o que nos vencella cos demais.

0.19727277755737