Iván Picallo fíxose co triunfo no VI Slalom Concello de Guitiriz

O son do motor encheu este sábado, 26 de abril, o Campo da Feira de Guitiriz no VI Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Ruta da Auga, organizando conxuntamente polo Concello e a Escudería Scratch Fene, e que se desenvolveu durante toda a xornada.
Iván Picallo foi triunfador na categoría xeral, María José Chao no VI Trofeo Feminino Pub Zeus, Borja Cotovad foi o primeiro no I Trofeo Traseiras Pub Titanic, Miguel Villanueva foi o triunfador na categoría de debutantes e David Franco finalizou no primeiro posto no I Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio.
Pola mañá realizáronse as diferentes verificacións técnicas e as sesións de adestramentos e, xa pola tarde, a iso das 16:30 horas, deu comezo a competición, que este ano reuniu no municipio a 48 pilotos e pilotas, a segunda cifra máis alta da historia da proba.
En xogo, cinco premios diferentes e 1.860 euros a repartir entre os regulamentados e os premios especiais.
Iván Picallo (Asociación Aut. Moeche) proclamouse vencedor absoluto ao volante do seu Citröen Saxo VTS cun tempo de 1:39.631. O segundo posto foi para Pablo Castro (As Pontes Motor Sport) nun Citröen AX Sport, que rematou con 1:40.023, seguido de Anxo Lariño (Escudería Berberecho), tamén en Citröen Saxo VTS, cun crono de 1:40.516.
No VI Trofeo Feminino Pub Zeus, a vitoria foi para Mª José Chao (Asociación Aut. Moeche), quen completou o percorrido en 1:50.581. O podio completárono Tamara Pereira (RallyActividade Competición) cun tempo de 1:53.406, e Alba Senande (Escudería Berberecho) que acadou 2:01.048.
O I Trofeo Traseiras Pub Titanic viu a Borja Cotovad (Scratch Fene) dominar coa súa destreza ao volante do Ford Escort, marcando un tempo de 1:43.054. Pedro Díaz (BMW 320i E36) e Diego Gómez (BMW 325 Coupé) ocuparon o segundo e terceiro lugar respectivamente.
No I Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio, o mellor foi David Franco (Automóvil Club As Pontes) nun Citröen Saxo VTS con 1:43.672, seguido polos seus compañeiros de club Aitor Coto e José Manuel Fdz (Sarria Motor).
Na categoría de debutantes, o triunfo foi para Miguel Villanueva (Sarria Motor) ao volante dun BMW 323i E46 cun rexistro de 1:47.393. Completaron o podio Miguel Santiago (Siroco Narón) e, de novo, Alba Senande, que subiu ao caixón en dúas categorías distintas.