Javier Arias: “Os problemas inmediatos son os derivados da covid-19”

TerraChaXa
Coa toma de posesión tralas eleccións, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo cambios na súa estrutura de Goberno.
covid 19 hula 1
11 Oct 2020

Coa toma de posesión tralas eleccións, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo cambios na súa estrutura de Goberno. Un deles foi o nomeamento de Javier Arias como delegado da provincia en substitución de José Manuel Balseiro.

Con que obxectivos chega ao cargo de delegado da Xunta?

O meu principal obxectivo é ser útil aos veciños e veciñas da provincia, atender ás súas demandas e ser parte activa das solucións. Ese foi o mandato do presidente Feijóo tras a toma de posesión dos novos delegados territoriais e, ao meu entender, constitúe unha folla de ruta a seguir. A Xunta de Galicia é a Administración que máis inviste na provincia e o meu cometido é axudar a levar adiante os seus proxectos.

Cales son os obxectivos inmediatos?

Vivimos unha situación extraordinaria en todos os ámbitos, marcada pola pandemia e os seus efectos. Ante este realidade que a todos nos preocupa, a prioridade da Xunta neste momento é traballar para atallar as consecuencias sanitarias, sociais e laborais derivadas da expansión do virus da covid-19. Para conseguilo debemos actuar en moitos ámbitos.Estabilizar a situación sanitaria é o obxectivo máis inmediato. A Xunta está actuando con rigor para atallar os abrochos, establecendo medidas proporcionadas en cada caso. O inicio do curso tamén estivo na nosa axenda nestes primeiros días; entendemos que están a funcionar razoablemente ben as medidas de seguridade e de reforzo adoptadas nos centros, pero tamén nos anticipamos para dar resposta a un curso excepcional, cun protocolo que recolle distintos escenarios organizativos e académicos, e con medidas como o incremento do profesorado ou a distribución de dispositivos electrónicos para o alumnado -especialmente para as familias máis vulnerables-. Tamén nos preocupa a situación do tecido produtivo. Foron meses moi duros e hai que redobrar esforzos para recuperar os niveis de traballo e emprego. A Xunta habilitou liñas de axuda, para dotar de liquidez ás empresas, impulsar a súa dixitalización, ou mesmo para que desenvolvan solucións innovadoras ou fabriquen produtos relacionados.

Como se plantexa a relación con outras institucións?

Para min é unha prioridade que exista unha relación correcta entre administracións, xa sexa local, provincial, autonómica ou estatal. Estamos obrigados a entendernos, especialmente polo momento de pandemia no que vivimos, que esixe diálogo e bo entendemento entre as institucións. E neste punto poñerei todo o meu empeño, tal como xa dixen dende o primeiro día. Penso que os cidadáns non entendería outra forma de traballar. A sociedade quere que lles resolvamos os problemas, non xerar novos, e que traslademos certezas e confianza, evitando liortas. Temos que ser capaces de lograr consensos.

Que cambios quere traer na xestión feita ata o de agora?

Penso que temos que apostar por darlle continuidade ao traballo feito. Teño que dicir que para min foi unha honra formar parte do equipo do anterior delegado territorial, José Manuel Balseiro, e tamén o é substituílo no cargo, feito que afronto como un reto. Vou ser un defensor das políticas da Xunta, porque tamén participo na súa xestión e no proceso de toma de decisións. Vou aplicar unha política de proximidade e saber escoitar. E tamén vou seguir traballando desde a cooperación institucional e a coordinación con outras administracións, coa man tendida, evitando no posible enfrontamentos pero sendo moi claro en defender os intereses dos lucenses.

En que sectores é necesario traballar máis?

O sector primario ten unha importancia capital na boa marcha da economía, polo que hai que continuar avanzando en aspectos como a innovación, o dimensionamento das explotacións ou o traballo colaborativo, que incrementan a súa competitividade e facilitan o relevo xeracional, tan necesario para fixar poboación no rural. Tamén é preciso impulsar o sector industrial, especialmente se vén da man do sector primario, industrias de transformación agroalimentarias que engadan valor aos nosos produtos agropecuarios. A Xunta xestiona programas de apoio para a creación e modernización destas empresas. Igualmente, debemos apoiar industrias ligadas ás novas tecnoloxías. Aí está o Polo Aeroespacial de Rozas, no que a Xunta prevé mobilizar outros 160 millóns de euros nos vindeiros cinco anos para transformar os resultados tecnolóxicos obtidos ata o de agora en desenvolvemento industrial e crecemento económico. En todo caso, o Goberno galego traballa intensamente con todo o tecido produtivo, especialmente na situación actual que tanto está afectando tamén no sector servizos a actividades como a hostalería ou o comercio. A Xunta quere ser o seu aliado.

Cales son os principais problemas que se deben tratar?

Como dixen, os problemas máis inmediatos son os derivados da pandemia; ese é o reto fundamental que enfrontamos agora mesmo. Pero o certo é que arrastramos dende hai tempo un grave problema de despoboamento do rural. É unha das cuestións que máis preocupa ao Goberno galego e créame que recibe un tratamento transversal e principal na acción política da Xunta. Actuamos en ámbitos como a reorganización da propiedade da terra para superar a tradicional fragmentación do agro, beneficios fiscais, medidas de fomento do emprego, extensión das infraestruturas e dos servizos sociais... A pandemia que estamos a sufrir revalorizou o rural porque seguiu traballando en beneficio de todos nós, porque presta servizos esenciais e este é un recoñecemento que lles debemos. No plano económico, establecemos incentivos para a implantación de empresas no rural e programas específicos de fomento do emprego, como o Aprol Rural. Colaboramos cos concellos en proxectos de mellora de infraestruturas e estamos a abrir recursos que antes non existían como as casas niño e as casas do maior, servizos cen por cen gratuítos para familias.

Cales son as carencias de Lugo?

Non se pode negar que unha das eivas de Lugo ten que ver coas comunicacións exteriores. Durante esta pandemia, vimos que o sector agrogandeiro, o da produción de alimentos está a aguantar mellor os efectos da crise que outras actividades económicas. Lugo precisa xa esa conexión por tren de alta velocidade coa meseta. Tamén temos que mellorar a comunicación co resto de Galicia. Van máis de vinte anos e aínda non está rematada a autovía Lugo-Santiago. E tampouco recuperamos aínda os servizos ferroviarios que perdemos por mor da pandemia. Non se pode dicir que non hai servizo porque non hai usuarios. É ao revés. Perdemos usuarios porque o servizo é deficitario. En contraste con iso a Xunta aposta polo desdobramento do corredor a Sarria e pola mellora xeral do plan de transporte por autocar. A nivel autonómico, estamos a impulsar medidas para incentivar a natalidade e para asentar poboación no medio rural.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.081657886505127