Javier Arias supervisa as actuacións da Xunta no Concello de Pol

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou varias dotacións do concello de Pol nas que se desenvolven proxectos de mellora grazas a un investimento da Xunta de case 292.000 euros.
Así, o delegado explicou que a Consellería do Medio Rural investiu 158.000 euros no acondicionamento do camiño de acceso a Penamazada, na zona de concentración parcelaria de Santa María de Valonga, e no acceso a Veigas, na área de concentración de Torneiros. Actúase en total sobre 3,4 quilómetros de lonxitude e os traballos consisten na mellora da drenaxe superficial mediante a limpeza de cunetas, reparación de firme e extensión de dobre tratamento superficial no pavimento.
Igualmente, Arias comprobou os traballos de reforzo do firme da pista de Arcos de Frades e a que enlaza este núcleo con Bouzoá, que contan cun orzamento de 64.500 euros a través do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025. Suman algo máis de 2 quilómetros de lonxitude cun ancho variable de entre 3 e 4 metros, e os labores inclúen a reparación do pavimento, obras de drenaxe, limpeza de cunetas ou mellora da sinalización.
O delegado visitou tamén a antiga escola de Rioxoán, reconvertida en local social para uso veciñal e que foi obxecto dunha reforma para mellorar o confort e a eficiencia enerxética. O Goberno galego achegou 23.700 euros do Fondo de Compensación Ambiental -que xestiona a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes- e a intervención serviu para illar a cuberta e corrixir os danos causados pola filtración de humidades, reparando as gretas e pintando de novo os paramentos e o teito.
Neste sentido, anunciou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas outorgou ao Concello de Pol unha achega de 45.500 euros para rehabilitar o local social de Vilarigo, na parroquia de Fraialde, e dedicalo a vivenda pública.
Por último, informou de que estes días lévanse a cabo tarefas de limpeza da vexetación das estradas autonómicas LU-750 e LU-760, que discorren polo municipio e o conectan con Meira, O Cádavo e Castro de Rei.
Arias sinalou que a Xunta “traballa para mellorar as dotacións e servizos públicos, especialmente nos concellos do rural, co obxectivo de impulsar a actividade económica e a dinamización social e contribuír a fixar poboación moza”.