Javier del Moral foi o vencedor da IX edición da Northwest Triman
O triatleta madrileño Javier del Moral Muñoz, do club C.D.E Triboost impúxose onte como vencedor da IX Edición do NorthWest Triman celebrada no lago das Pontes, logrando baixar das 9 horas (8:55:019) tras completar 3,8 quilómetros a nado, 180 quilómetros en bicicleta e 42,2 a pé.
O segundo clasificado foi Emilio Tizón Valverde, do club Saltoki TrikiDeak, cun tempo de nove horas, cinco minutos e catro segundos (09:05:05) e o terceiro lugar foi para Marcos Pérez Dekkers do Club Triatlon Orihuela JJTT, que completou a proba en nove horas, seis minutos e 57 segundos (09:06:57)
A madrileña Ana López Sanromán foi a máis rápida en cubrir o tríatlon de longa distancia das Pontes, cun tempo de 11:49.04. Seguiulle a galega María José Vázquez Santos con 12:04:01. En terceiro lugar entrou María Esparza González (13:59:40).
CAMPIONATO GALEGO DE LONGA DISTANCIA
No campionato galego de longa distancia subiron ao pódium, na categoría masculina Damián Martínez Baz (9:13:10), Fernando Sierra García (9:19:12) e o pontés Ismael Váquez Prieto (9:35:44). En mulleres, María José Vázquez Santos (12:04:01) alzouse co título de campioa galega.
ACUATLON PROMOCIÓN MENORES
Este ano, como novidade, o NorthWest Triman inclúe unha nova competición, un acuatlon de promoción de menores que tiña como obxectivo, en palabras da organización “ofrecerlle aos menores a posibilidade de sentir o que senten os triatletas que participan no NorthWest Triman e promocionar a práctica deportiva entre a mocidade. Nesta proba, participaron máis de 100 nenos e nenas, das categorías prebenjamín, benjamín, alevín e infantil, nacidos entre 2017 e 2010.
Os deportistas máis novos tiveron que nadar 50 metros e correr 500 metros mentres que os atletas das categorías superiores enfrontáronse a circuíto de natación de 100 metros e, a continuación, correr un quilómetro.
MEDIA DISTANCIA
A IX edición do Northwest Triman, o único tríatlon de longa distancia de Galicia que, do mesmo xeito que as edicións anteriores, contou cunha proba de media distancia na que resultaron vencedores, na categoría masculina, Francisco da Paz Fernández (04:38:07), Luís Zapico Fernández ( 4:12:08) e Álex Muñoz Álvarez (4:12:43).
Na categoría feminina o pódium foi para Beatriz Tenreiro Álvares (4:49:28), Sandra Martínez Sierra (5:03:13) e Estefanía Carbonell Ferrández (5:17:53).
NORTHWEST TRIMAN 2023
A proba, que deu comezo ás 09:00 horas, arrincou nas augas do Lago das Pontes, cun sector de natación de 3,8 km de distancia, nun circuíto de 1,9 km, con saída e chegada na praia, ao que os deportistas tiveron que dar dúas voltas. A saída para os atletas que competiron en media distancia comezou 15 minutos antes e só tiveron que dar unha volta no sector de natación.
Continuou co sector de ciclismo. Un circuíto de algo máis de 44 quilómetros no que tiveron que completar catro voltas (dous no caso da media distancia) para facer un total de 180 quilómetros que levou aos atletas polos concellos das Pontes, Xermade e Vilaba.
Por último, o sector de carreira, cos 42 quilómetros da maratón que transcorreron polas rúas da vila, nun percorrido ao que os triatletas tiveron que dar catro voltas no caso da longa distancia e dúas na media distancia.