Jesús Domínguez Guizán será presidente de honra do belén de Begonte
Jesús Domínguez Guizán, ex presidente da Asociación que leva o nome do seu irmán José, promotora do belén de Begonte, vén de ser nomeado presidente de honra da asociación e do belén pola Xunta Directiva da entidade que preside Xulio Xiz, en xuntanza celebrada o pasado venres.
Jesús Domínguez, que tomou o relevo na presidencia do belén de Begonte ao pasamento do seu irmán José en 1986, estivo á fronte das actividades do Nadal begontino e do belén durante trinta e sete anos, deixando a presidencia a petición propia para dar paso a unha nova directiva que afronte o futuro desta iniciativa declarada de Interese Turístico Galego. A entrega do nomeamento vaise efectuar o sábado, 27 de xaneiro, no decurso dos actos de clausura da LII edición do Nadal en Begonte.
Neste mesmo acto vaise efectuar tamén un especial recoñecemento a Pilar Gómez Rodríguez, viúva do creador, José Rodríguez Varela, falecida o pasado mes de marzo. Hai décadas, Pilar foi nomeada Señora do Belén polo seu especial papel na creación e evolución do belén begontino, pero nunca se lle fixo entrega dunha lembranza tanxible deste título. De xeito póstumo váiselle entregar o 27 de xaneiro aos seus fillos Pilarita e Josiño.