Jimena García proclamouse campioa de España U15 na cita celebrada en Langreo

O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana participou esta fin de semana nos Campionatos de España das categorías U15, U17 e U23, disputados na localidade asturiana de Langreo, onde acadou destacados resultados e contribuíu ao bo papel da loita lucense.
Varios deportistas do club vilalbés, xunto con outros loitadores da provincia, competiron nunha cita que evidenciou o crecente nivel da loita en Lugo. O conxunto galego logrou o terceiro posto por equipos nas categorías CESA, correspondentes a U15 e U17, grazas ao alto rendemento amosado sobre o tapiz.
Na categoría U15 sobresaiu Jimena García, que se proclamou campioa de España, mentres que Sara Martínez e Enrique Seoane lograron medallas de bronce. Pola súa banda, Héctor Somoza e Noela González remataron en quinta posición tras superar as repescas. Nesta mesma categoría, tamén destacou o bronce conseguido por Bruno Pintos, do Club de Loita Lugo, así como o décimo posto de Nicolás Seijas.
Xa na categoría U17, disputada na xornada do sábado pola tarde, Mateo Paredes acadou a medalla de ouro na categoría de menos de 110 quilos, mentres que Andrés Maceira finalizou en décima posición na súa categoría de peso.
Na xornada do domingo celebrouse a competición U23, na que o deportista vilalbés Kevin Cuba logrou a medalla de prata en menos de 97 quilos. O loitador volveu así subir ao podio apenas dúas semanas despois de proclamarse campión de España U20, consolidándose como unha das principais opcións para formar parte da selección española nas próximas competicións internacionais.