José Ángel Santos presenta a súa candidatura para continuar gobernando Friol
O actual alcalde do Concello de Friol, José Ángel Santos, volverá encabezar a lista do Partido Popular nas próximas eleccións municipais para revalidar o seu mandato despois de 4 anos de goberno.
Nacido en Friol hai 38 anos e residente na parroquia de Nodar, o actual alcalde de Friol é técnico capataz agrícola, gandeiro de profesión e titular dunha explotación adicada á produción de leite. José Á. Santos leva 12 anos adicado ó servizo dos friolenses a través do seu desempeño no Concello de Friol: concelleiro desde o ano 2007, primeiro como delegado de Medio Rural, logo como delegado de Obras e exercendo como Tenente de Alcalde desde 2012 ata 2015, cando pasou a encabezar a lista do Partido Popular nas pasadas eleccións.
Despois de 4 anos como alcalde de Friol, Santos volve encabezar a lista popular pensada para xestionar e gobernar Friol da mellor maneira posible, composta por 21 veciños e veciñas de diferentes idades e profesións, e que representan a maioría do territorio municipal.
“Prometemos unha xestión na mesma liña do que estamos a facer, pois vemos que está a dar bos resultados para o noso pobo, así que seguiremos loitando por aquelo que nos pertence, mantendo os mesmos principios que tivemos desde o primeiro día de goberno”.
Unha candidatura renovada formada por un grupo de xente moza que afronta este novo reto con ilusión, e tamén por xente xa con experiencia de goberno despois de tantos anos á fronte do Concello, que continuarán poñendo o seu empeño para que Friol siga avanzando e modernizándose, confirmándose como un pobo de futuro.
“Somos un dos Concellos mellor saneados da provincia, e o noso esforzo irá encamiñado a continuar mantendo esa boa saúde económica da que goza actualmente. O desenvolvemento do parque empresarial, o apoio o sector primario, os diferentes plans de emprego que desde o Concello xestionamos e o apoio os autónomos permitiu a instalación de novas e grandes empresas no noso municipio, creando entre 150 e 200 novos postos de traballo na última lexislatura”.
No programa electoral, no que se pasa revista dos principais logros da última lexislatura, presenta o seu Plan 2023 con propostas que miran ao futuro de Friol, continuando o labor dos últimos anos de Goberno, como a modernización do municipio, manter unha economía saneada, apoiar o sector primario, loitar contra o despoboamento, manter e ampliar os servizos básicos, construir novas instalacións no complexo fluvial, atraer tecido empresarial, manter e mellorar os servizos sociais, loitar contra o desemprego, formar e apoiar a xuventude e promocionar a cultura e o deporte.
Precisamente apoiado no éxito da súa actual xestión, José Á. Santos xunto cos demais membros da súa candidatura esperan poder volver gañar a confianza da maioria dos veciños e veciñas de Friol, apelando o traballo ben feito e polos resultados obtidos nestes últimos anos de goberno.