José Bouso presenta o seu programa de goberno aos veciños

TerraChaXa
José Bouso presentou nun encontro de confraternidade con ducias de veciños o seu programa de goberno e que levará á práctica a partires do día 26 se acada a confianza dos votantes nas urnas.
15 Maio 2019

José Bouso presentou nun encontro de confraternidade con ducias de veciños o seu programa de goberno e que levará á práctica a partires do día 26 se acada a confianza dos votantes nas urnas. Deste xeito, o candidato, arroupado polo senador electo por Lugo, José Manuel Barreiro, esbozou as principais liñas do seu proxecto que define como “realista, gañador e acorde ao que este concello demanda e necesita”.

O centro do seu programa “son as persoas”. Por iso, inclúe a creación dun centro de día con residencia, sen descoidar tamén a dependencia. En materia de infancia e conciliación familiar, aposta pola mellora do PAI e a instalación dun parque infantil. Asemade, impulsará axudas que favorezan a construción ou rehabilitacións no rural, así como para acceso á primeira vivenda e, con elo, incentivar a natalidade no municipio.

Tendo en conta que este concello é un dos que ten a maior porcentaxe de produción de cota láctea de Galicia, dende a entidade local artellarase o mecanismo necesario para prestar asesoramento a todos os rapaces que queiran incorporarse ao sector e sobre como facer máis rendible a súa produción. Neste senso, tamén se traballará para impulsar o parque industrial e se establecerán as negociacións para dotar ao municipio de banda longa.

En cultura e ocio, inclúe a rehabilitación de antigas escolas e un programa ambicioso de actividades culturais, así como un impulso á pista de kárting, das escolas deportivas municipais e unha maior conexión e colaboración coas sociedades deportivas do concello.

En turismo, aposta pola creación dun punto informativo, promover a realización de novas xuntanzas veciñais, culturais e gastronómicas, ademais de mellorar as existentes.

Bouso, “garantía de futuro para A Pastoriza”

O senador electo destacou que “Bouso é unha garantía de futuro para A Pastoriza, xa non só pola súa implicación coa sociedade lucense en xeral, senón que atesoura os valores e a valía que se precisa en política e para dirixir un concello coma este, cun gran potencial no sector agrogandeiro, e que debería estar chamado a ser un referente en toda a Terra Chá”, afirmou.

Por este motivo, Barreiro agradeceu a todos os asistentes a participación neste encontro, así como a todos os compañeiros que acompañan a Bouso na candidatura. “Dar este paso ou implicarse como o estades a facer vós, non é fácil a veces. Por iso, quero poñer en valor o esforzo, a humildade e a entrega coa que o facedes. Todos os políticos debemos ter unha profunda vocación de servizo público e vós tédela. Así que, ánimo e a traballar para que o PP volte ao Concello, de onde xamais debeu saír”, sinalou.

E é que “votar ao Partido Socialista é, por exemplo, dicir non aos gandeiros”. “Proba delo é que a que hoxe é ministra Nadia Calviño, cando tiña responsabilidades en Europa, quería reducir a PAC un 30%”. Os produtores deste municipio veñen cobrando con cargo a estes fondos europeos uns 4 millóns de euros, “polo que xa vemos a importancia que teñen e tedes para os dirixentes do PSOE”, concluíu Barreiro

0.18262696266174