José Cuba Vázquez, do Club Loitas Olímpicas Vilalba, volveuse proclamar Campión de España Sénior

TerraChaXa
Pola súa parte, Kevin Cuba, de só 18 anos, debutou nun campionato sénior e logrou un bronce na modalidade libre olímpica menos de 97 quilos
Jose-Cuba-Loita-Olimpica-Vilalba
16 Jun 2025

O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana asinou unha destacada actuación nos Campionatos de España Sénior celebrados esta fin de semana en Barcelona, onde se deron cita os mellores loitadores e loitadoras do Estado.

Tres deportistas do club vilalbés viaxaron coa selección galega e os tres conseguiron subir ao podio, confirmando o alto nivel competitivo da entidade.

O protagonista destacado foi, unha vez máis, José Cuba, que se proclamou campión de España por vixésima vez, un fito histórico no panorama da loita nacional que consolida o seu dominio nos pesos pesados. Cuba superou na fase de grupos a Alexandre Loghin (Navarra), Alexandru Toth Toth (Andalucía) e Abrham Coby (Madrid), para despois vencer en semifinal a Razhik Mayilyan (Cataluña) e na final ao madrileño Carlos Acebrón.

Xunto a el competiron tamén Kevin Cuba e Catriel Pehuén. Catriel acadou a prata en Grecorromana nos pesos pesados tras vencer a Samuel Granchau (Cataluña) e Lucas Castán (Valencia), aínda que non puido disputar a final por unha lesión de xeonllo. O loitador arxentino, con varias medallas panamericanas, é xa unha figura clave do equipo para o futuro.

Pola súa parte, Kevin Cuba, de só 18 anos, debutou nun campionato sénior e logrou un bronce na modalidade libre olímpica menos de 97 quilos. Tras perder contra o navarro Aimar Alzón, que acabou sendo o campión, aproveitou a repesca e venceu ao madrileño Gonzalo Guijarro na loita polo bronce.

Desde o club destacan con orgullo estes resultados, que demostran que o traballo feito desde unha entidade pequena pode estar á altura de grandes clubs e centros de tecnificación. A súa progresión non sería posible sen o recoñecemento como NADE da Secretaría Xeral para o Deporte, nin sen o apoio específico á alta competición do Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.14783692359924