José Hermida será o candidato do PP á alcaldía de Ourol
O empresario local do sector agrario e forestal José Hermida Corbelle solicitoulle á presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, a súa alta como membro dos populares lucenses e será o candidato á alcaldía do Concello de Ourol.
Aseguran que “coa incorporación de Hermida o PP da provincia de Lugo pretende seguir sumando e integrando persoas comprometidas cos nosos veciños e veciñas”. Así mesmo, a máxima responsable do Partido Popular na provincia amosouse convencida de que “o PP é a mellor forza política para impulsar o mellor futuro posible para a localidade, centrándose nos seus recursos e na súa xente”. Por iso, convida ao novo candidato “a traballar para lograr a confianza dos veciños e veciñas e conseguir os bos resultados que o Partido logra en Ourol nos distintos comicios electorais”.
O candidato popular á alcaldía de Ourol, moi vencellado ao principal sector económico do municipio, aposta por ofrecer unha alternativa de goberno aos veciños e veciñas e, polo tanto, recuperar a maioría absoluta nas urnas. Nese sentido, amósase con “ganas de traballar para ser útil a tódolos ouroleses”.
Hermida cita como un dos exemplos de políticas útiles para o municipio “a aposta do Goberno galego por implantar unha casa-niño que axuda a conciliar a vida familiar e laboral das familias do noso concello”. Así mesmo, avanza o seu compromiso de traballo para “a instalación de novos veciños no municipio”. E, en relación á terceira idade, o candidato popular incide “na necesidade de mellorar a atención dos nosos maiores e de establecer un servizo de comida a domicilio para as persoas dependentes de Ourol”. Así mesmo, non descarta a implantación dun centro de día do municipio.