José Manuel López e María del Mar Trastoy, gañadores da Cata de Meles Locais de Serra da Carba

TerraChaXa
Presentáronse 17 mostras de mel, todas elas con características moi diversas
cata-de-mel-serra-da-carba
20 Oct 2025

José Manuel López Santalla e María del Mar Trastoy Ares resultaron gañadores da última edición da Cata de Meles Locais organizada pola asociación apícola Serra da Carba en Vilalba. López impúxose na categoría de mel claro, mentres que Trastoy obtivo o primeiro posto na de mel escuro. Abel Duarte Ramil e José Trastoy Maseda ocuparon os segundos postos en ambas categorías, respectivamente.

A cita enmárcase dentro das VII Xornadas de Apicultura Serra da Carba, que se desenvolveron na escola de A Pedragosa, en San Simón da Costa, lugar no que esta asociación, integrada por 35 socios, concentra boa parte da súa actividade anual.

Ademais da cata, o programa incluíu unha charla sobre a preparación das colmeas para a invernada, á que tamén asistiu a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen formou parte do xurado.

Presentáronse 17 mostras de mel, todas elas con características moi diversas. O presidente de Serra da Carba, Iván Díaz, destacou a calidade dos produtos participantes, aínda que recoñeceu que “a colleita deste ano foi escasa”, unha situación que se repite nas últimas campañas debido ás condicións meteorolóxicas.

O certame consolídase así como unha das principais citas apícolas da comarca, un punto de encontro para os produtores locais que traballan pola posta en valor do mel de proximidade e pola conservación das abellas e do ecosistema rural.

⚙ Configurar cookies
0.069406986236572