José Torres Piñeiro gaña o concurso de poesía do belén de Begonte
O xurado do XLIX Certame Galego de Poesía sobre o Nadal, organizado polo Centro Cultural José Domínguez Guizán de Begonte, anunciou os gañadores desta edición.
O primeiro premio Begonte de poesía, dotado con 1.000 euros e unha estatuíña de Sargadelos, foi outorgado a José Torres Piñeiro (José da Cruz Nova), begontés residente na cidade de Lugo, polo conxunto de poemas titulado O Nadal en Begonte.
O segundo premio, cunha dotación de 500 euros e diploma, recaeu en Rafa Villar, de Cee e residente en Bertamiráns (Ames), polo poema De dátiles e mel a noite.
Ademais, o xurado concedeu unha mención de honra con diploma a Manuel López Rodríguez, de Noia (A Coruña), polo poema Melodía complexa, destacando a calidade do seu traballo.
Os galardóns serán entregados o próximo 1 de febreiro, durante os actos de clausura da programación de O Nadal en Begonte.
O tribunal estivo composto polo escritor Xavier Rodríguez Barrio; Sara Blanco Díaz e María Jesús Blanco Díaz, da Comisión de Cultura do Centro, e presidido por Xulio Xiz Ramil.