José Ulla será o candidato do PP á Alcaldía de Begonte

TerraChaXa
José Ulla será o candidato do PP á Alcaldía de Begonte onde se atopa á fronte do consistorio dende o 2011 ao gañar as eleccións por maioría absoluta.
JoseUlla_Begonte_portada
27 Xan 2019

José Ulla será o candidato do PP á Alcaldía de Begonte onde se atopa á fronte do consistorio dende o 2011 ao gañar as eleccións por maioría absoluta. De novo no 2015 revalidou esa maioría obtendo tamén oito dos once concelleiros no municipio.

A presidenta do Partido Popular, Elena Candia, destaca “a súa capacidade de xestión” como demostra o seu labor á fronte do Concello de Begonte nos últimos oito anos. Nese sentido, non dubida en que “continuará a traballar por mellorar a calidade de vida dos begontinos”. Igualmente, Candia ten palabras de agradecemento “polo labor e implicación de Ulla como deputado provincial e compañeiro no Grupo Popular”.

O candidato popular avanza que “o noso obxectivo é seguir traballando na mellora das infraestruturas do municipio e na prestación de servizos aos veciños. Tamén é necesario atraer empresas para o polígono de Begonte para impulsar a actividade industrial e crear novos postos de traballo cos que facer atractivo o municipio para o asentamento da poboación moza, principalmente”.

Ulla asegura que “temos cumprido a práctica totalidade do noso programa electoral coa mellora das infraestruturas e servizos públicos básicos que redundan na mellora da calidade de vida dos nosos veciños”.

“O cumprimento do programa quere dicir que era realista”, engade o popular. Nese sentido, explica que “foi mellorada a rede viaria municipal co aglomerado en quente de moitos quilómetros de pistas e tamén foron mellorados os accesos aos principais recursos turísticos do municipio: as áreas fluviais de Begonte e Baamonde”. Tamén se dotou de beirarrúas a estes dous núcleos urbanos. “E nestes primeiros meses do 2019 completarase a dotación de alumeado público con lámpadas LED, ademais da remodelación e ampliación da praza do Concello e a rehabilitación da antiga Cámara Agraria”, engade Ulla.

Igualmente, o candidato popular indica que “foron remodelados os locais sociais das distintas parroquias e dotados destes mesmos servizos aquelas que non dispoñían deles”. E tamén achegamos ás nosas parroquias a cultura e o deporte que reforzamos co incremento do investimento como mostra da nosa aposta por estas materias”.

José Ulla Rocha é licenciado en Veterinaria e compaxina a súa profesión coa tarefa de rexedor. Accedeu á alcaldía no 2011 cunha maioría absoluta que revalidou tamén no 2015. Previamente foi concelleiro e tenente de alcalde no Goberno de Pena Rábade durante oito anos. Preside a formación local dende o 2013. Tamén é deputado provincial.

JoseUlla_Begonte
0.34275102615356