Julián Rodríguez será o xuíz do XL Concurso de Gando da Moexmu e do XXXIV Concurso de Gando Frisón

TerraChaXa
Nos seus primeiros anos compaxinou o traballo na explotación coa preparación de animais para concursos doutras granxas
moexmu-2024-23-julian-rodriguez-xuiz
18 Feb 2026

A comisión organizadora da XLII edición da Mostra Exposición de Muimenta, Moexmu, continúa avanzando nos preparativos e ultimando o programa de actividades que se desenvolverán os días 10, 11 e 12 de abril. Un dos anuncios máis destacados é o nomeamento de Julián Rodríguez Pérez como xuíz do XL Concurso de Gando e do XXXIV Concurso Autonómico de Gando Frisón Fefriga 2026.

Julián Rodríguez Pérez é natural de Luarca, no Principado de Asturias, onde naceu o 16 de xullo de 1984. Criado na parroquia do concello de Valdés, cursou estudos de Bacharelato antes de iniciar Ciencias Empresariais, formación que interrompeu para realizar o Curso de Incorporación de Mozos á Empresa Agraria e incorporarse á gandería familiar Casa Flora.

Nos seus primeiros anos compaxinou o traballo na explotación coa preparación de animais para concursos doutras granxas, así como coa cualificación de vacas de raza parda. Posteriormente decidiu dedicarse a tempo completo á gandería familiar, acadando o recoñecemento de Mestre Criador nos anos 2006 e 2019.

A súa vinculación aos concursos de raza frisona comezou moi cedo, aos sete anos, cando participou cunha tenreira no concurso de Tineo. Desde entón mantivo unha presenza constante en certames nacionais e internacionais, nos que logrou importantes recoñecementos, entre os que destacan os títulos de Mellor Criador Nacional e Mellor Rebaño Nacional no ano 2017, así como este último galardón tamén no 2020.

No ámbito da xudicatura, Julián Rodríguez participou como xuíz aspirante na Xornada de Reciclaxe e Unificación de Criterios de Xuíces de Raza Frisona de Conafe no ano 2023, ademais de exercer como axudante de pista na XL edición da Escola de Xuíces Gandeiros celebrada en Galicia. A súa estrea como xuíz oficial de Conafe produciuse o 28 de outubro de 2023 no Concurso Exposición de Gando Vacún de Nava, en Asturias. Ao longo de 2024 xulgou os concursos de Alaior, en Menorca, e Feiradeza, celebrado en Lalín con carácter autonómico, mentres que en 2025 participou como xuíz no Usías Holstein de Dúas Torres, en Córdoba, e no concurso de Treceño, en Cantabria. Será esta a primeira ocasión na que exerza como xuíz no concurso de gando da Moexmu.

O programa provisional do certame de Muimenta inclúe o venres 10 de abril o V Concurso de Xóvenes Peladores; o sábado 11 de abril celebrarase un dobre concurso co XXXIV Concurso Autonómico de Gando Frisón Fefriga 2026 e o XL Concurso de Gando Frisón da Moexmu; mentres que o domingo 12 de abril terá lugar o XXV Concurso de Xóvenes Manexadores e a XXX Poxa de Gando Frisón, para pechar a fin de semana coa entrega de premios aos gañadores e gañadoras.

Desde a organización lembran que se está a traballar de maneira coordinada co resto das entidades implicadas, como Africor Lugo, Fefriga e a Consellería do Medio Rural, cumprindo en todo momento coa lexislación vixente e atendendo á situación sanitaria derivada da Dermatose Nodular Contaxiosa.

Na edición do ano pasado, celebrada en Silleda, a vaca Pozosaa Krusader 9450 Xela, da gandería Casa Pozo de Lugo, proclamouse Vaca Gran Campioa de Galicia 2025, mentres que Kergo Ozalid 6818, da explotación A Lagoa Serabel de Xermade, foi recoñecida como Gran Campioa Internacional do Open de Gando Frisón Gandagro 2025.

⚙ Configurar cookies
0.10311412811279