Julio Díaz afirma que non se opón a petición dun mestre de inglés para o Antía Cal

O concelleiro non adscrito de Muras, Julio Díaz, matizou que non se opuxo en ningún momento “a que Muras teña máis mestres”. Contesta así ao equipo de Goberno do BNG, que explicou que fixo unha solicitude en solitario en demanda dun especialista de inglés para o CEIP Antía Cal xa que os demais grupos non se sumaron.
“A educación é un ben prioritario, esencial e universal, pero eu non penso formar parte de propostas a base de imposicións”, explicou Díaz que tamén acusou ao equipo de Goberno de crear controversia entre as familias que teñen nenos no colexio.
Engade que “é un equipo á deriva ao mesturar educación con política” e lembra que o BNG ten xuízos pendentes coa ANPA. Debido a isto afirma que non se suma ás propostas “partidistas” do alcalde.
Julio Díaz explicou que esta decisión tomouna de acordo coa opinión de pais e nais “que unha vez comezado o curso non queren que se cambie o plan de estudos”.
Aproveitou o concelleiro non adscrito para criticar a traxectoria do equipo de Goberno, “que perde votos cada catro anos e que non foi quen de renovar pactos, sen ideas, sen iniciativas e sen propostas reais, polo que intenta desviar a atención cara os demais para tapar os seus fracasos”.
Tamén culpou “ás controvertidas políticas deste concello” do feito de que cada ano os profesores deixen a súa praza no centro.