Julio Díaz critica o estado de abandono da Ruta da Fervenza pola Xestosa

TerraChaXa
O concelleiro tamén aproveitou para criticar a falta de mantemento noutras zonas do municipio
ruta-fervenza-xestosa-muras
1 Aug 2025

O concelleiro non adscrito de Muras, Julio Díaz, denunciou publicamente o estado de abandono no que se atopa a Ruta da Fervenza da Xestosa no termo municipal murés. Segundo Díaz, trátase dunha ruta de sendeirismo con gran potencial turístico, pero que carece de mantemento e sinalización axeitada, a pesar de ter sido acondicionada polo propio Concello no ano 2017.

O edil comparou a situación coa do municipio veciño de Ourol, onde a mesma ruta —que conecta coa fervenza desde outro punto— está “moi coidada e sinalizada”. En Muras, pola contra, a ruta parte desde A Xestosa e discorre maioritariamente por unha fermosa carballeira, ata rematar nun lateral da fervenza, “pero hoxe presenta un aspecto desleixado”, segundo o concelleiro.

Díaz afirmou que realizou unha visita á zona, incluída unha gravación aérea con dron, e que a maleza impide acceder e visualizar correctamente o percorrido. "Co verán xa moi avanzado, consideramos que esta ruta debería estar ben coidada e sinalizada, porque ten un valor turístico moi grande, como o demostra o éxito que está a ter en Ourol", declarou.

Trátase, segundo explicou, dunha ruta de dificultade media-baixa, accesible para todos os públicos, polo que o seu abandono resulta incomprensible. "Aquí vese a nula xestión do equipo de goberno local: prepararon a ruta e logo esquecérona completamente", asegurou.

O concelleiro tamén aproveitou para criticar a falta de mantemento noutras zonas do municipio, apuntando que "o 90% das estradas están sen limpar, todo está abandonado". Segundo el, esta situación de deixadez é evidente durante todo o ano, pero resulta especialmente grave nesta época estival, cando o municipio recibe máis visitantes.

Finalmente, Díaz volveu cuestionar a implicación do alcalde de Muras, afirmando que "é un alcalde que non vive no pobo que goberna, e así non se pode facer unha xestión eficiente”.

⚙ Configurar cookies
0.17702484130859