Julio Díaz critica o mal estado da praza do Viveiró "a un mes da celebración da Feira do Mel"

O concelleiro non adscrito de Muras, Julio Díaz, achegouse á parroquia do Viveiró para denunciar "o estado de abandono", no que se atopa a praza "a pouco máis dun mes da celebración da Feira do Mel de Montaña, unha feira moi concorrida durante esa fin de semana".
Díaz cualificou a obra dun "despropósito" logo de investir nela máis de 450.000 euros, "xa que os veciños non estaban de acordo con esta obra e non se deu rematado para a feira do ano 2023, a cal tivo que atrasarse causando un gran prexuízo aos produtores, xa que ademais avisouse só cuns días de antelación".
Explica Julio Díaz que con estas obras modificouse a estética da praza reducindo o espazo para vehículos pesados, ademais de quitar prazas de aparcamento e "recortando ademais o espazo para a celebración da feira á metade". Engade que a carpa empregada sempre non cabe agora co novo mobiliario.
Tamén criticou que as árbores están secas e os farois que quedan en mal estado, "algunhas non alumean e outras están torcidas xa".
Ademais, engade que os veciños se queixan da existencia de fochancas, "debido a tanto tráfico pesado", e de mal olor do saneamento. Por outra banda, advirte que os locais de hostalaría da praza anéganse cando veñen choivas debido á falta de beirarrúas.
Reclama Julio Díaz ao Goberno local que "antes de facer as obras consulte á poboación o que necesita".