Julio Díaz saca adiante unha moción para que o Concello de Muras compre os terreos nos que se fai a Feira do Poldro

TerraChaXa
Alegou durante a sesión, que o alcalde non debería votar esta proposta xa que é propietario das leiras
feira-do-poldro-muras6
5 May 2025

O Pleno do Concello de Muras vén de aprobar unha moción presentada polo concelleiro non adscrito Julio Díaz Díaz coa que se insta ao Concello a adquirir a parcela onde actualmente se celebra a tradicional Feira do Poldro e do Gando do Monte. A proposta contou co voto favorable do PSOE e coa abstención do PP e do BNG.

A moción subliña a importancia desta feira, que leva celebrándose desde 1988 e que en setembro de 2024 alcanzou a súa trixésimo sexta edición. Declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2019, trátase dun evento de referencia en Galicia que reúne veciños, gandeiros da comarca e visitantes chegados doutras partes do país e do estranxeiro, atraídos polas carreiras de cabalos, artesanía, concursos de gando, música e gastronomía.

Julio Díaz defende que o recinto da feira, situado no Monte da Gañidoira, é unha parcela de titularidade privada (parcela catastral 46 do polígono 46) que representa un enclave ideal para este evento pola súa proximidade á estrada N-540 e polas dimensións e vexetación da finca. Porén, alerta de que as talas recentes de piñeiros realizadas polos actuais propietarios afectan negativamente ao uso público do espazo e á súa paisaxe, comodidade e seguridade para persoas e animais.

“O único xeito de garantir a preservación e posta en valor do recinto”, subliña Díaz, “é que pase a ser de titularidade pública, quedando en mans do Concello e non suxeito ás decisións privadas dos actuais donos”.

A moción tamén destaca a importancia económica da feira, non só nos días do evento, senón ao longo do ano, xa que no recinto tamén se teñen habilitado puntos de carga e venda de gando. Por iso, considera necesario que desde os poderes públicos se impulsen medidas para asegurar a continuidade da feira e a protección do seu entorno natural.

A proposta foi aprobada, o que abre a porta a que o Concello de Muras inicie os trámites para adquirir a devandita parcela e garantir así a continuidade dun dos eventos máis emblemáticos do municipio.

O concelleiro non adscrito afeou a falta de apoio ao Partido Popular cando este presentou unha moción similar hai pouco tempo. Así mesmo, fixo constar en acta que o alcalde non debería pronunciarse sobre a compra dos terreos xa que é propietario dos terreos en cuestión.

⚙ Configurar cookies
0.15836310386658