Kevin Cuba colleita outro ouro en Alicante no Torneo Internacional de Promesas
Esta fin de semana disputouse en La Nucia (Alicante) o Torneo Internacional Jóvenes Promesas que a Federación Española organiza dentro do calendario da United World Wrestling e no que os mellores loitadores das categorías previas á sénior teñen a oportunidade de enfrontarse a loitadores doutros países.
O deportista vilalbés Kevin Cuba puido loitar na xornada do sábado na categoría U17 alzándose co ouro en menos de 92 kg. Tras dominar a súa categoría déuselle a oportunidade de disputar a categoría U20 xa na xornada de domingo. Nesta categoría Kevin estivo lonxe do manter o nivel dos primeiros postos e tivo que conformarse co bronce tras gañar ao británico Joab Snyed e perder por superioridade ante Iago Fernández e Mikola Tolmachov.
Kevin permanecerá concentrado esta semana no CAR Infanta Cristina de Murcia de onde sairán os seleccionados para os europeos e mundiais das diferentes categorías.
As próximas citas do club de loita vilalbés serán o Campionato Galego Sénior a primeiros de maio e despois o Torneo Clasificatorio Mundial para os Xogos Olímpicos nos que o vilalbés José Cuba foi convocado para xogarse unha posible praza para París 2024.