Kevin Cuba proclámase campión de España U20 de loita libre olímpica en Madrid

O loitador vilalbés Kevin Cuba, do Club Loitas Olímpicas Vilalba, proclamouse este sábado campión de España na categoría de menos de 97 quilos U20 durante os Campionatos de España celebrados en Madrid. O deportista dominou a súa categoría ao longo da competición, confirmando a súa progresión deportiva e contribuíndo de maneira decisiva ao segundo posto por equipos da selección galega en loita libre olímpica masculina.
Cuba completou un campionato moi sólido, no que foi superando os seus rivais ata facerse co ouro nunha das categorías máis esixentes da competición. O seu triunfo supón un novo éxito para o club vilalbés e para a loita galega, que continúa a sumar resultados destacados nos campionatos estatais.
Na cita madrileña tamén participou outro deportista do club, Xiao Seoane, que rematou na sétima posición na categoría de menos de 70 quilos.
A selección galega acadou ademais outros importantes resultados durante o campionato. En loita libre feminina conseguiron dous títulos nacionais Nadya Zholtikova, do Club Pontevedra, e Ana Ferro, do Club Senín. Pola súa parte, Joel Castro, do Club Keltoi, tamén logrou o ouro en loita libre olímpica masculina.
Estes resultados permitiron a Galicia rematar na segunda posición por equipos en loita libre olímpica masculina, mentres que en loita grecorromana e en loita libre feminina acadou o terceiro posto na clasificación xeral.
A próxima cita para os deportistas do Club Loitas Olímpicas Vilalba será dentro de dúas semanas en Langreo, onde se disputarán os Campionatos de España nas categorías U15, U17 e U23.