Kevin Pierre regresa ao Meira pola porta grande

O Meira recuperou un dos seus referentes ofensivos e fixoo da mellor maneira posible. Kevin Pierre volveu vestir a camiseta verde na Lomba despois da súa etapa recente no Ribadeo, con experiencia en Preferente e Primeira Futgal, e celebrou o regreso cun gol nada máis comezar o encontro fronte ao Sanci.
O tanto inaugural do dianteiro lucense chegou no primeiro minuto do partido, exemplo da súa fame e da química inmediata co equipo nun día especial para el e para a afección meirense, que viña reclamando o retorno dun xogador moi querido no club.
Co 1-0 tan temperán, o Meira xogou con confianza e foi ampliando a vantaxe. Antes da media hora, un dobrete de Brais Pin deixaba o marcador nun claro 3-0 e encarrilaba un encontro no que os locais apenas pasaron apuros. O Sanci, pechacancelas da categoría, volveu acusar as súas carencias defensivas e continúa cun só punto no seu casilleiro.
Na recta final, Erik encargouse de pechar a goleada co 4-0 definitivo, que certifica o quinto triunfo consecutivo do Meira e sostén o equipo na zona alta da Segunda Futgal lucense: suma 17 puntos e sitúase a tan só tres das prazas de promoción de ascenso.
O regreso de Kevin Pierre chega nun momento clave da temporada. A dirección deportiva do Meira consideraba prioritaria a incorporación dun futbolista coñecedor da casa e da categoría, e o atacante responde por agora co mellor argumento posible: gol, compromiso e a sensación de que a Lomba recupera un líder futbolístico e anímico para seguir soñando co salto de categoría.