Kiko da Silva impartiu obradoiros de IlustrarNós nos institutos de Meira e Friol
O programa impulsado pola Vicepresidencia da Deputación levou actividades a 14 centros educativos nos últimos dous meses. Maite Ferreiro valorou o crecemento desta iniciativa, que pretende fomentar a creatividade e achegar ás xeracións máis novos o traballo de artistas galegos.
O autor de banda deseñada e ilustrador Kiko da Silva impartiu onte cadanseu obradoiro no IES Pedregal de Irimia de Meira e no CPI López Suárez de Friol, no marco do programa IlustrarNós, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación para fomentar a creatividade e achegar as xeracións máis novas o traballo de creadoras e creadores galegos deste eido.
Durante a sesión, explicou ao alumnado o proceso de creación da banda deseñada, desde a concepción da idea ata a súa concreción nunha publicación, abordando as posibilidades narrativas e plásticas que ofrece este xénero.
Mais aló do obradoiro, Kiko da Silva atendeu consultas persoais e asinou nos cadernos dos rapaces e rapazas, moi interesados nas súas distintas facetas profesionais.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, fixo un balance positivo destes dous meses de obradoiros nos centros educativos, “nos que as actividades espertaron un grande interese no alumnado” e “agradeceu a implicación tanto de Kiko da Silva como de Laura Romero e Juan A. Álvarez, que guiaron as actividades de primaria, neste programa, que queremos seguir facendo medrar”.
As actividades de IlustrarNós, con distintas propostas para educación primaria e secundaria, chegaron nos últimos dous meses a 14 centros educativos das distintas comarcas, con actividades para as distintas etapas educativas.
Ademais de Meira e Friol, Kiko da Silva visitou o instituto Río Cabe de Monforte e na EASD Ramón Falcón de Lugo. A ilustradora Laura Romero e o músico Juan A. Álvarez impartiron o obradoiro “Os nosos ilustres instrumentos”, dirixido a Primaria, no CEIP San Cosme de Barreiros, no CEIP Fondo Nois de Foz, no CEIP O Salvador da Pastoriza, no CEIP Plurilingue da Pontenova, no CPI de Cervantes, nos CEIP de Albeiros, de Paradai e Quiroga Ballesteros de Lugo , no CPI Ramón Piñeiro de Láncara e no CEIP Virxe do Carme de Sober.