Kini continúa de adestrador e será o novo coordinador do Vilalba FS
Joaquín Martínez Kini confirmou a súa renovación no Vilalba FS para a tempada 2020-2021. A directiva do club valorou "o seu traballo e o trato persoal exquisito. Hai que destacar que na pasada tempada proclamou ao equipo campión da Copa Deputación e tivo ao equipo nos primeiros postos da clasificación durante todo o campionato". O parón da competición por mor da pandemia da covid-19 impediu que o equipo xogara os play off de ascenso, xa que na xornada na que se interrumpiu a competición o equipo vilalbés estaba quinto clasificado a un punto do cuarto e podía pelexar para quedar entre os catro primeiros.
Kini farase cargo tamén do equipo xuvenil e será o coordinador das categorías de base do Vilalba FS xa que José López deixa o corpo técnico do Vilalba por cuestións laborais. Este era encargado do adestramento tamén do equipo feminino.
O que ata agora era coordinador do club déixaoo co equipo feminino como campión de Liga Provincial e ascenso á Liga Autonómica, campión e subcampión da Copa Deputación de Lugo mentres que o xuvenil foi subcampión de Copa.
Por outra banda, deixarán o equipo Pablito Villar, o baluarte Asier González, o canteirán Xosé M. Iglesias e o veterán Iago Amarelo.
A directiva do Vilalba FS "quere agradecerlle enormemente o gran traballo realizado nos equipos feminino e xuvenil e tamén como adestrador e coordinador dos equipos de base no que desempeñou unha labor excepcional tanto deportiva como humana. Así pois deséxalle o mellor na súa vida laboral, deportiva e persoal e espera que no futuro poida volver a adestrar no club".
COMPETICIÓNS
Unha vez rematadas as competicións sen disputarse todas as xornadas por mor da pandemia da covid-19, o equipo de Terceira División Nacional non poderá pelexar polo ascenso de categoría ao quedar quinto clasificado a un punto do cuarto. O conxunto estivo practicamente todo o campionato entre os catro primeiros postos e moitas xornadas liderando a competición e o parón colleuno fóra deses postos de ascenso.
Quinto clasificado tamén quedou o equipo feminino no segundo ano na categoría Autonómica. Gran actuación, un ano máis, das rapazas do Vilalba FS que ían de menos a máis.
E tamén na mesma posición foi na que acadou o equipo xuvenil na Liga Galega, que estaba loitando por chegar ás dúas primeiras prazas que daban o ascenso directo á División de Honra Xuvenil.