La M.O.D.A, Alcalá Norte, Repion, Celia Becks e Grande Osso, primeiras confirmacións do FIV 2026

O FIV de Vilalba comeza a coller ritmo de cara á súa edición de 2026, que se celebrará os días 24 e 25 de abril na capital chairega. A organización vén de revelar os primeiros nomes dun cartel que promete manter o espírito independente e a esencia emocional que fixeron do festival unha das grandes citas musicais da primavera en Galicia. Ademais, o primeiro tramo de abonos xa está dispoñible —con unidades limitadas—, polo que a expectación entre o público non deixa de medrar.
Entre as primeiras confirmacións destaca LA M.O.D.A., unha das bandas máis queridas polo público estatal. O seu directo, cargado de enerxía e emoción, converte cada concerto nun encontro colectivo no que o folk, o rock e a música de raíz se entrelazan nunha proposta única. O seu regreso a Vilalba promete ser un dos momentos máis memorables do FIV 2026.
Tamén se suma ao cartel Alcalá Norte, unha banda revelación que está a abrirse camiño con paso firme grazas ao seu son enérxico e ás súas letras xeracionais. O grupo chega ao festival nun momento de plena efervescencia creativa, consolidándose como unha das propostas máis frescas da escena alternativa.
O festival contará ademais con Repion, un proxecto que combina forza, melodía e unha identidade sonora moi marcada. O trío destaca polos seus directos intensos e pola súa capacidade para conectar coa audiencia a través dun rock alternativo vibrante e emocional.
A cantautora Celia Becks achegará ao FIV unha proposta persoalísima, na que conviven a sensibilidade, o pop sofisticado e unha voz que non deixa indiferente. A súa presenza no cartel reforza a diversidade estilística desta nova edición.
Completan este primeiro avance Grande Osso, o dúo de DJs da Mariña que combina indie, rock, pop, disco, funk e house en sesións de alta enerxía e que xa actuou nas últimas dúas edicións do FIV.
A organización xa adiantou que novos artistas iranse sumando ao cartel nas próximas semanas. Polo de agora, o FIV 2026 comeza a debuxarse como unha edición chea de ilusión, descubrimentos e reencontros, fiel ao seu lema: “Ao lugar onde fuches feliz, sempre debes volver”.