Lago Sport organiza nas Pontes o I Clinic Desafío de Porteir@s con adestradores de alto nivel

TerraChaXa
As prazas serán limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 12 de abril
clinic-fs-lago-sport
4 Apr 2026

A entidade Lago Sport vén de anunciar a celebración do I Clinic Desafío de Porteir@s, unha xornada formativa centrada na tecnificación e mellora específica dos gardametas que terá lugar o vindeiro 1 de maio no Polideportivo Municipal das Pontes.

A iniciativa está dirixida a mozos e mozas desde a categoría prebenxamín ata xuvenil e desenvolverase en horario de 10:00 a 19:00 horas. Ao longo da xornada, os participantes poderán traballar aspectos técnicos e tácticos propios da posición de porteiro, co obxectivo de mellorar o seu rendemento en situacións reais de xogo.

O clinic contará ademais coa presenza de profesionais de referencia no ámbito do fútbol sala, tanto porteiros como adestradores, que compartirán a súa experiencia e coñecementos cos asistentes. Entre os nomes confirmados destaca un adestrador cun amplo percorrido no fútbol sala feminino, incluíndo etapas en clubs como A Fervenza FSF e Burela FSF, onde acadou importantes éxitos como ligas, Copas da Raíña e unha Champions europea.

Tamén participará como adestradora convidada a porteira internacional ucraína Nataliia Mytrofanska, actualmente no Valdetires Ferrol, quen foi subcampioa de Europa en 2023 e conta cunha destacada traxectoria tanto a nivel nacional como internacional. A súa presenza permitirá aos asistentes coñecer metodoloxías de adestramento de alto nivel e adquirir unha visión máis ampla da posición.

A programación incluirá ademais actividades especiais pola tarde, como unha Batalla de porteir@s e unha rolda de Penalty Shootout, nas que os participantes poderán poñer en práctica o aprendido nun ambiente competitivo e lúdico.

As prazas para o clinic serán limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 12 de abril. Desde a organización animan á participación nesta primeira edición, que nace co obxectivo de converterse nun referente na formación específica de porteiros e porteiras en Galicia.

0.11806392669678