Lanzós e Goiriz serán as primeiras parroquias de Vilalba en recibir información sobre o contrato do lixo

TerraChaXa
A rexedora vilalbesa, Marta Rouco, desprazarase a cada parroquia do rural acompañada por concelleiros do seu equipo de Goberno e un representante da empresa adxudicataria do servizo de recollida
casa-escola-lanzos
25 Jan 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de informar do comezo das reunións nas parroquias do rural para informar e coordinar cos veciños e veciñas as novidades do contrato de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria.

As primeiras parroquias serán Lanzós e Goiriz, a onde se desprazará a alcaldesa, Marta Rouco, acompañada por concelleiros do seu equipo de goberno e un representante da empresa adxudicataria do novo contrato do lixo.

“Esta semana comezamos a poñernos en contacto coas asociacións de veciños das parroquias do noso rural para organizar con eles o día e hora no que celebraremos a reunión”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, quen adiantou que “o primeiro encontro será en Lanzós, na casa escola, o vindeiro venres, 31 de xaneiro, ás 20:00 horas”.

Pola súa banda, os veciños e veciñas de Goiriz están convocados para ese mesmo día, venres 31 de xaneiro, ás 21:00 horas na casa escola da parroquia. “Eliximos a última hora da tarde co obxectivo de que poidan acudir o maior número posible de veciños e veciñas, de forma que se teña en conta a opinión de todos e todas”, sinalou Marta Rouco.

Os asuntos a abordar nas reunións estarán vencellados a explicar as novidades do novo contrato de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria do Concello de Vilalba, así como coordinar cos veciños e veciñas cuestións como a localización dos colectores ou o lugar no que se instalarán as novas illas de recollida selectiva que inclúe o contrato.

“Con esta fórmula pretendemos escoitar a opinión de todos os veciños e veciñas, coñecer de primeira man as súas necesidades e adaptar as novidades ás súas preferencias para que estas dean o resultado máis óptimo posible”, apuntou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Finalmente, a rexedora vilalbesa adiantou que “nos vindeiros días iremos dando a coñecer as datas de reunión nas demais parroquias, de maneira progresiva e coa maior antelación posible para que os veciños e veciñas conten con elas”.

0.16740894317627