Lara Méndez e Olalla Rodil acusan á Xunta de abandonar Lugo nos Orzamentos de 2026

A deputada do PSdeG por Lugo no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, cargou duramente contra o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2026, asegurando que o Goberno do Partido Popular “carece de vontade real de impulsar a provincia e limítase a repetir promesas que nunca se executan”. Segundo a socialista, o Executivo autonómico utiliza Lugo “como escaparate propagandístico”, mentres mantén paradas infraestruturas e servizos esenciais que “xa deberían estar en marcha”.
Méndez advertiu de que “o señor Rueda e a señora Candia volven empregar a Lugo para encher uns orzamentos irreais, con débedas históricas sen atender e presumindo de cifras mentres aumentan as necesidades sen resposta”. A deputada considerou “inadmisible” que o PP repita cada ano “o mesmo patrón: prometer moito, executar pouco e esquecer Lugo o resto do ano”.
A parlamentaria destacou que as contas autonómicas “non dan resposta ás prioridades reais da provincia” e acusou a Xunta de “trasladar competencias impropias aos concellos, mantendo conxelado o Fondo Galego de Cooperación Local”. Segundo explicou, esta situación “asfixia aos municipios, que deben asumir servizos sen o financiamento necesario, o que deteriora a sanidade, a educación, a dependencia e mesmo políticas urxentes como a vivenda, que é un dereito básico e continúa sen atenderse”.
A socialista lembrou ademais que Lugo segue arrastrando “débedas pendentes en infraestruturas, servizos sociais e políticas de desenvolvemento”, mentres o Goberno galego “só busca efectos especiais e titulares baleiros”. Engadiu que a Xunta “renuncia a afrontar a crise de vivenda, non reforza a sanidade pública, desatende o rural e nin sequera executa as partidas anunciadas cada ano como reclamo electoral”. Méndez concluíu que o PP “só busca o titular dun día, menosprezando unha vez máis aos veciños e veciñas da provincia”. O PSdeG avanzou que presentará emendas e propostas alternativas “serias, viables e con impacto real sobre os servizos públicos e o desenvolvemento económico da provincia”.
OPINIÓN COMPARTIDA POLO BNG
Pola súa banda, a deputada nacionalista por Lugo, Olalla Rodil, tamén fixo unha valoración crítica do proxecto orzamentario e lamentou que “os orzamentos de 2026 confirmen o abandono do PP a Lugo, converténdose nunha sarta de promesas atrasadas no tempo e sen medidas novas”.
Rodil puxo como exemplo deste abandono “a repetición de anuncios xa feitos en anos anteriores, como as reformas dos centros de saúde de Meira ou Outeiro de Rei”, así como a falta de avances en proxectos estratéxicos. “O Porto Seco de Monforte leva máis de dez anos paralizado e convertido nunha silveira”, denunciou, mentres que a autovía Nadela-Sarria “segue sen licitarse a pesar de que o ano pasado había dous millóns de euros orzamentados que non se executaron”. “Este ano poñen catro millóns, pero mentres non se licite a obra, o papel aguanta todo”, ironizou.
A deputada do BNG tamén criticou a paralización do proxecto do antigo edificio de Aspnais en Lugo, que a Xunta anunciara como futuro centro de saúde mental e que “permanece bloqueado por decisión xudicial desde xullo”. Para Rodil, trátase “dunha mostra máis das chapuzas e improvisacións do Partido Popular, que deixa á provincia sen un servizo esencial para persoas con enfermidades mentais graves”.
Rodil concluíu que “os orzamentos de 2026 son a constatación de que o PP non ten ideas, non ten proxecto e non ten interese en darlle a Lugo o lugar que merece. Mentres outras provincias avanzan, Lugo continúa en punto morto”. O BNG anunciou que presentará emendas co obxectivo de “poñer os intereses e as necesidades das luguesas e dos lugueses no centro, con propostas reais para a comarca”.