Lareira de Soños convoca unha xornada en defensa da Torre de Caldaloba
Poetas, artistas, activistas culturais e sociais reuniranse o 16 de setembro nunha xuntanza organizada pola Asociación Sociocultural Lareira de soños, a Asociación Cultural e Recreativa de Pino, a NPG Nova Poesía Guitirica e o portal CulturaliaGZ coa colaboración do concello de Cospeito, co nome de I Toma Cultural de Caldaloba, un encontro para a defensa do patrimonio, a historia e a cultura deste lugar emblemático.
Esta xornada, aberta á participación de quen desexe, comenzará ás 12:00 no local social de Pino, desde o que se realizará unha marcha a pé até a fortaleza de Caldaloba na que terán lugar unha serie de actividades lúdicas e didácticas arredor da torre, onde se explicará a historia do lugar e intervirán diversos artistas e poetas.
Ás 15:00, xa de volta ao local social de Pino, haberá un xantar de fraternidade con callos, churrasco mixto, bebidas, postre e café para o que é preciso anotarse nos correos dosvilares@gmail.com, info@culturaliagz.com ou en calquera das redes sociais das entidades organizadoras ao prezo de 16 euros que se abonarán no lugar. Alí realizarase un intercambio de ideas para novas accións culturais a desenvolver.
Ao longo de toda a xornada gravaranse imaxes e entrevistas para un documental.
Coa convocatoria do premio de poesía de Caldaloba pola asociación de Pino e o Concello de Cospeito iníciase tamén unha nova xeira de accións culturais e literarias co emblemático monumento como referencia que terá outro novo pulo o 16 de setembro.
A organización pretende facer deste evento unha cita anual de cultura de base desde a que xurdan iniciativas literarias e artísticas comunais. A Lareira de soños, NPG e CulturaliaGZ consolidan con este evento a liña de colaboracións iniciadas con entidades como Xermolos ou a Liga Santaballesa en diversas propostas culturais e literarias e que coa asociación de Pino amplían á defensa do patrimonio histórico e natural situando a Caldaloba no epicentro da cultura chairega.