Lareira de Soños solicita a reforma da Escola Habaneira dos Vilares
A Asociación Socio-Cultural Lareira de Soños dos Vilares enviará um escrito aos grupos municipais do Concello de Guitiriz e aos grupos políticos da Deputación Provincial para reclamar o compromiso de todas formas de cara ao vindeiro mandato para acometer a reforma e posta en valor da Escola Habaneira dos Vilares.
Trátase dun inmoble que cumprirá cen anos en 2023 e que foi levantado coa aportación dos emigrantes ao igual que outras escolas indianas en moitas parroquias de Lugo. "Non hai mellor homenaxe a aqueles promotores da cultura desde a emigración que recuperar para uso social aquelas escolas", explican os responsables da asociación. A escola Habaneira da Conchada nos Vilares foi protagonista dun libro do actual deán da catedral de Compostela e ex párroco dos Vilares, Segundo Pérez. A mellora da habitabilidade, accesos, illamentos e calefacción, así como a dotación para o seu uso socio cultural con mobiliario e equipamentos acaídos deben ser asumidos polos grupos municipais no seu programa e incluír proxecto e dotación económica para o mesmo.
"A revitalización do rural non pode quedar em meras palabras e intencións senón tamén en dotacións que incentiven a participación social e a calidade de vida. Dotar ao rural con centros sociais dotados coas últimas tecnoloxías, habitables e funcionais é fundamental dada a actual situación de envellecemento e despoboamento. Si ademais desto falamos de património público e con tal carga histórica para a parroquia, que veu pasar a centos de veciños para aprender as primeiras letras entre as suas paredes, entre elas o poeta Díaz Castro, o compromiso de intervención e mellora está mais que xustificado", engaden.
Para esto, a Asociación Socio-Cultural Lareira de Soños elaborará un informe que fará chegar ás diferentes formacións políticas, coas que ademais solicitará reunións nas que de paso plantexará outros asuntos relacionados coa parroquia.