Larsa inaugura unha nova liña de envasado de leite en Outeiro
A firma láctea Larsa vén de apliar as súas instalacións na súa factoría de Robra coa posta en marcha dunha nova liña de envasado de leite en botella que supuxo un investimento de 17 millóns de euros. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo foi o encrgado de inaugurar as instalacións, que contan cunha capacidade de embotellado de máis de 120 millóns de listros.
O presidente da Xunta destacou no acto de inauguración a confianza das industrias lácteas en Galicia como proba da aposta do rural pola calidade, a innovación e o valor engadido. Nesta liña, referiuse a proxectos como Clun, cooperativa composta por máis de 3.500 gandeiros que producen 300 millóns de litros de leite; ao proxecto de Entrepinares, que aposta polo queixo na súa fábrica de Vilalba; ou a Inleit, en Curtis, exemplo da aposta polos produtos de valor engadido.
Así mesmo, afirmou que as novas instalacións da factoría de Larsa en Outeiro de Rei, cunha nova liña de envasado de leite en botella, con capacidade para máis de 100 millóns de litros e que supuxo un investimento de máis de 15 millóns de euros, referenda o compromiso desta industria con Galicia e co emprego.
Durante unha visita á fábrica, Feijóo lembrou ademais que para apoiar que o leite siga sendo sinónimo de Galicia Calidade, desde a Xunta impulsouse a marca Galega 100%, unha identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada, suxeita a controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta e garantido pola certificación Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, Ligal. Grazas a este distintivo, o consumidor conta coa seguridade de que está consumindo un produto de Galicia e dunha calidade excepcional, dixo, incidindo en que isto, unido á aposta por explotacións máis grandes e rendibles e por unha industria capaz de transformar o produto en Galicia, son claves para o futuro deste sector.
Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego garantiu tamén o compromiso da Xunta de seguir traballando para avanzar de cara aos retos de futuro como a remuda xeracional e, de feito, 1 de cada 10 granxas xa está dirixida por mozos menores de 30 anos, cada vez mellor formados; o tamaño das explotacións e, desde 2012, unhas 800 explotacións individuais pasaron a integrarse en sociedades; ofrecer máis valor engadido a través dos produtos transformados; ou seguir apostando pola industrialización.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que o sector lácteo é estratéxico para Galicia, producindo o 40% do leite de España e sendo a oitava rexión produtora da UE. Ademais de contar con máis de 7.000 gandeiros que facturan anualmente 800 millóns.
“Estamos a falar dun sector que xera emprego e prosperidade no rural” aseverou, logo de valorar os últimos datos de emprego na Comunidade. Unhas cifras que confirman que Galicia segue a ser a autonomía coa maior baixada de paro de España –no entorno do 8,7%, o dobre que no Estado-, con preto de 15.000 desempregados menos que fai un ano e con 6.700 novos afiliados a Seguridade Social este mes.