Lembranzas do San Ramón de Vilalba
Por Manuel Rivas
Xa pasaron moitos anos e aínda sigo lembrando con agarimo aqueles tempos da infancia e mocidade nos que me achegaba con ledicia e curiosidade á capital da Chaira para divertirme cos compañeiros e amigos no medio daquel barullo e observar con ollos curiosos as novidades que podían sorprendernos polas festas do San Ramón, a festa por excelencia da Chaira. Un día desas festas, quizais polo ano 1963 ou 64, andaba despistado con outros compañeiros no medio da zona máis atractiva para os adolescentes: tómbolas, coches de choque, tiro con escopetas de balotes que sempre apuntaban mal, o carrusel e as típicas chilindradas para nenos e rapaces, cando de súpeto nos atopamos a poucos metros e de fronte co que daquela era ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga. A aparición en escena do personaxe cuns ollos arregalados e con aquela mirada penetrante, máis ca respecto causounos certo temor que nos fixo cambiar de rumbo para perdérmonos entre os grupos de rapaces que pululaban por alí. Aínda tería que pasar un tempo ata que caesen as vendas da inocencia dos nosos ollos e mirásemos o mundo con máis realismo. Empezaban os tempos das vacas gordas para Vilalba e as súas festas. Notábase polo aumento da cantidade de atraccións e afluencia de público. Por Vilalba pasaba agora nada menos ca o Ballet Nacional con María Rosa, como estrela e primeira bailarina. Vilalba pasa a figurar no mapa dos Festivais de España. Curiosamente desprázanse a Vilalba xente das grandes cidades de Galicia para ver o espectáculo. A experiencia foi dende logo moi bonita mentres durou.
Nos anos sesenta, Vilalba sufriu importantes cambios. Polo ano 1966 ponse a funcionar un instituto na vila. Antes era preciso acudir a Lugo para facer o Bacharelato. Lembro os tempos da nenez cando nos xuntabamos un reducido grupo de pícaros para preparar o exame de ingreso no Instituto.
So había dous lugares onde facelo: unha academia baixando cara a rúa da Ferrería e unha aula – creo que cabiamos uns trinta alumnos- que tiña o daquela Xefe de telégrafos, don Juan, fronte a capela de S. Roque. El mantíñanos a raia, cunha disciplina espartana e unha programación ben pensada lograba un satisfactorio número de aprobados. Alí acudiamos felices- tras superar o exame de ingreso- os aprobados a darlle a boa nova, resultado do esforzo que mestre e alumnos mantiveramos sen pausa durante o curso. A súa cara sempre seria, tornábase abofé sorrinte e satisfeita polo éxito colleitado polos seus pupilos.
Por agora tamén recobra vida o vello castelo que lembro cheo de silvas e herbas con algúns corvos ou estorniños nas alturas. A vella mole de pedra abandonada foi restaurada e convertida nun lucido Parador nacional chegando a ser o edificio mais emblemático de Vilalba. Inaugurouse en 1967 con tan só 6 habitacións amplas e diáfanas. Por aqueles anos estando alí de conserxe un tío meu, tiven a oportunidade de subir ao alto da torre e contemplar a gran alfombra verde da chaira. Foi un recordo que nunca esquecín. Habería que esperar á entrada do novo milenio para levar a cabo o edificio que ampliou con 42 novas habitacións a vella torre octogonal, converténdose xa nun luxoso Parador nacional con 48 habitacións, dous comedores, a cafetería cun xardín xeitoso e varios salóns e zonas de lecer. Todo un luxo a medio camiño entre a capital de provincia e as praias costeiras.
E non sería xusto rematar esta breve escrita sen contar co que – ao meu ver- é o valor máis destacable da Chaira: a importante e extensa ringleira de homes e mulleres ilustres, de diferente ideoloxía, que brillaron como profesores, médicos, eclesiásticos, políticos e escritores en xeral. Outros hai que non chegaron a saír en letras impresas, pero que, co seu excepcional tesón e esforzo, foron construíndo dende a vila e dende as aldeas o que hoxe é a Chaira dende os tempos que estaba cruzada por camiños e corredoiras cheas de lama ata hoxe en día, cunha industria e unha economía onde as novas xeracións puxan por mellorar. Foron e son as súas xentes o principal valor da Chaira. As novas xeracións que collen o relevo teñen tamén o reto de conservar e mellorar o legado recibido dos seus antergos.
CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE