"Levamos anos marcando cifras históricas de participación, polo que resulta difícil superarse"

LugoXa | TerraChaXa
José Ángel Santos, alcalde de Friol
presentación-Feira-do-Queixo-e-do-Pan-de-Ousá-de-Friol-2025
22 Mar 2025

Que significa para Friol chegar a esta 31ª edición da súa Feira do Queixo e Pan de Ousá?

Para Friol, esta feira significa un logro en moitos sentidos, grazas ao empeño e dedicación que amosan todos os anos as nosas queixeiras e panadarías. Sen dúbida, é un éxito chegar a estes máis de 30 anos, e seguimos dándolle difusión no exterior co obxectivo de continuar promovendo o sector primario de Friol e os nosos dous produtos estrela: o queixo e o pan.

Como será o formato da feira este ano en canto á exposición dos produtos?

En liñas xerais, mantemos a mesma infraestrutura dos últimos anos, cunha gran carpa cubrindo a Praza Andón Cebreiro, e no seu interior estarán os postos de exposición e venda de queixo e pan. E, como é habitual, nos arredores, na Praza Rosalía de Castro e nas rúas próximas, exporanse produtos de diferentes sectores, como artesanía, téxtil, etc., que, como sempre, non terán que pagar ningún tipo de taxa municipal.

Cales son as previsións de participación para esta edición?

Coa recuperación da feira despois da pandemia, levamos uns anos marcando cifras históricas de participación, polo que resulta difícil seguir superándose, pero, se o bo tempo nos acompaña o vindeiro domingo 23, agardamos manter a afluencia de público dos últimos anos, chegando ás vinte mil ou vinte e cinco mil persoas que nos visiten nesta 31ª Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, sen dúbida un escaparate turístico importantísimo para o noso municipio. En canto á participación de produtores, manterase tamén o volume de anos anteriores, con unhas 50 queixeiras e 5 panadarías que estarán a expoñer os seus produtos, ademais, por suposto, dos numerosos expositores de diferentes sectores artesanais, téxtil, agroalimentarios e de hostalería tradicional que se situarán na contorna da praza.

Cales son as principais novidades do programa da feira deste ano?

A principal novidade deste ano darase dentro da feira, xa que no interior da carpa, durante a mañá, terá lugar un showcooking a cargo da Arrocería Os Cachivaches de Lugo, con pratos elaborados con queixo e pan do noso municipio. Polo demais, como feira tradicional que é, levamos mantendo o mesmo programa desde hai moitos anos, xa que combina un amplo abano de actividades tanto gastronómicas como festivas, culturais e musicais, que convencen a todos os públicos. Por iso, en liñas xerais, mantemos o programa habitual: ás 11 da mañá do domingo 23 de marzo inauguraremos esta 31ª edición. Durante toda a mañá haberá pasarrúas a cargo de Xesta Verde de Friol. Ás 7 da tarde, o salón de actos do Centro Sociocultural acollerá un concerto a cargo de Rosa Cedrón. E a partir das 10 e media da noite dará comezo a verbena final, que nesta edición amenizará a orquestra New York.

Haberá algún protagonismo especial para o público infantil na feira?

Por suposto que si. Os obradoiros infantís de elaboración do queixo de Friol só levan organizándose dous anos, pero tiveron tanto éxito que xa os consideramos unha cita imprescindible dentro da feira. A actividade terá lugar na carpa a partir das 12 do mediodía e, para eles, é un xogo e tamén unha gran ilusión lograr un queixo artesán feito coas súas propias mans. Para nós, ademais, é unha gran satisfacción que os nenos e nenas do noso municipio poidan coñecer desde pequenos a maneira de elaborar este produto tan noso e inculcarlles o valor que supoñen estes produtos para o rural.

Cal é o segredo do queixo de Friol e do pan de Ousá?

Non hai máis segredo que o labor constante das nosas queixeiras e panadeiros, o seu traballo, a implicación e o cariño co que elaboran o queixo e o pan. Dous produtos que xa son destacados a nivel nacional, que se elaboran coas mellores materias primas que temos en Friol e que obteñen excelentes resultados.

⚙ Configurar cookies
0.82582092285156