“Levamos seis anos ascendendo en número de alumnos”

Podería avanzarnos un pouco o programa da celebración dos 40 anos.
Temos dúas datas sinaladas no ano 2025 para a celebración do 40º aniversario. Por unha banda, o 22 marzo, que haberá xantar popular ao que asistirán máis de mil persoas e temos xa os tíckets da comida esgotados. Logo haberá un acto conmemorativo onde inauguraremos unha escultura realizada por Clara Naseiro, unha gran exposición de fotos de exalumnos destes 40 anos, e no respecto á música teremos unha sesión vermú con JBSON (aberta ó público). Á tarde haberá unha recreación da Verbena de Antes, da man de Xabier Iglesias de Oxeito para amenizar a sobremesa, e a noite unha gran verbena con París de Noia e Satélites, tamén aberta ó público. Por outra banda, o 1 de xullo teremos o fin de curso do 40º aniversario cunha gran festa infantil con inchables e diversos espectáculos e obradoiros para os nenos e posteriormente unha verbena aberta o público con Panorama e algunha sorpresa máis.

E como foron estes 40 anos? Que cambios e evolución se produciron?
Os cambios ao longo destes 40 anos foron graduais, un deles foi cando se mudou do sistema educativo da EGB á LOGSE, o que fixo que se reducira o número de alumnado o se eliminase primeiro e segundo de BUP, que se cursaba no centro, e pasaran a facer primeiro e segundo da ESO no IES Basanta Silva. Paulatinamente o centro foi adaptándose as novas necesidades educativas como a tecnoloxía no sistema educativo, traballar por proxectos competenciais, ata outra gran transformación na que está inmerso o centro dende hai uns 5 anos, que é un traballo íntegro por proxectos ata chegar ao noso proxecto estrela, que sería o de Mestres Gandeiros, onde temos un espazo agropecuario con galiñas, ovellas de raza galega e un invernadoiro, onde o alumnado utiliza dito espazo como situación de aprendizaxe. Este gran proxecto fixo que o centro educativo fora gañando alumnado considerablemente estes últimos cursos, ata chegar a 80 alumnos no próximo curso 25-26. Tamén habería que destacar a notable mellora en instalacións do centro, onde se foron facendo melloras paulatinamente como novos patios de infantil, aulas de infantil con aseos integrados, paneis dixitais interactivos en todas as aulas, mobiliario novo, ascensor e unha reforma integral de eficiencia enerxética neste pasado ano 2024, realizada pola Consellería de Educación.
Que características ten este centro a nivel educativo ou de organización?
Destacar que o centro en catálogo ten 4 unidades, unha de infantil e tres de primaria, pero debido ao incremento de alumnado está funcionando dende o curso 23-24 con 6 unidades, 2 en infantil e 4 en primaria, e para os próximos cursos prevese incrementar a 7 unidades.
Cantos alumnos estudan actualmente e como foi a evolución do alumnado?
Hoxe en día estudan 73 alumnos e alumnas, pero nós rompemos un pouco o tópico do descenso do alumnado no ámbito rural, xa que levamos 6 cursos ascendendo notablemente en alumnos, en consonancia dende que temos proxectos de innovación educativa como por exemplo Mestres Gandeiros, o que fai que no curso 18-19 tivéramos 53 alumnos, e no curso 25-26 teremos 80, polo tanto a evolución positiva do centro é constante.
Canto profesorado teñen?
Actualmente temos 12 mestres, e o 80% dos mestres son de Vilalba e o restante da provincia de Lugo.

Ademais do ensino propiamente dito, teñen actividades de convivencia coa comunidade?
Si temos actividades que facemos durante o curso ca ANPA en conxunto como excursións, visitas culturais como as realizadas a través do Programa a Escola a Granxa ou Coñece a túa Provincia, da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Cales son os proxectos de futuro?
O proxecto de futuro é seguir crecendo, involucrándose en novos proxectos, estamos pensando en
facer intercambios con outros centros, incluso Erasmus+, e temos en mente novos proxectos para o noso programa Mestres Gandeiros, xa que para nós é fundamental dar a oportunidade o alumnado de que coñeza profesións do seu entorno máis próximo que é o medio rural.
Teñen algunha carencia ou necesidade?
Carencias destacables non temos ningunha que salientar, único sería, por necesidades do centro, ter os mestres de atención á diversidade a tempo completo, pero do resto non temos grandes necesidades.
Como vén o futuro do centro?
Moi positivamente, hai un proxecto a longo prazo onde tanto as familias como os mestres están moi implicados, asi como as distintas administracións educativas, así vemos un futuro prometedor.