Liberty fará a súa proposta de compra de Alcoa a mediados de setembro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O calendario das negociacións entre Liberty House e Alcoa terá un paso previo que será a revisión do estado da factoría antes de presentar a súa oferta de compra.
Captura de pantalla 2018 11 23 a las 9.35.19
21 Aug 2020

O calendario das negociacións entre Liberty House e Alcoa terá un paso previo que será a revisión do estado da factoría antes de presentar a súa oferta de compra. Esta acción está previsto que se realice desde o 31 de agosto ao 11 de setembro.

Esa foi a conclusión que se obtivo na mesa multilateral convocada este xoves entre Alcoa, o comité de empresa da planta de San Cibrao, os sindicatos, a Xunta e o Goberno central, un encontro tras o cal o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, afirmou que o Executivo galego ha ofrecido a súa colaboración "desde o punto de vista administrativo e de acompañar os investimentos".

As dúas empresas comezaron cos contactos o 13 de agosto, o mesmo día en que se asinou o acordo para ampliar seis semanas o período de negociación do ERE para 534 traballadores, indicou o comité de empresa nun comunicado. Agora, atópanse na fase inicial de toma de contacto, na que se abordan "os termos xerais" da venda.

Nas dúas primeiras semanas de setembro, dará comezo a due diligence, a auditoría pola que Liberty poderá coñecer o estado da planta e calcular os investimentos que necesita para que poida ser competitiva. Unha vez superado este proceso, o grupo presentará unha "oferta vinculante", manifestou Conde.

Na última fase, apuntou o comité de empresa, poderíase pechar un preacordo para a venda, que estaría "a expensas" da aprobación de todos os organismos pertinentes.

Este encontro é o primeiro dos pactados no acordo de ampliación do período de consultas do ERE para que todas as partes fagan un seguimento do proceso de negociación entre Liberty House e Alcoa.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que, as dúas empresas deben negociar tamén as concesións e servizos compartidos, así como a venda de alúmina. Os representantes dos traballadores pedirán reunirse tamén con Liberty House para "ter claro" que é o que cada compañía "ve dentro do proceso e o que non".

XUNTA DE GALICIA

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, mantivo un encontro cos responsables do grupo Liberty House para coñecer o plan de futuro que teñen previsto desenvolver na planta de Alcoa San Cibrao no caso de que a operación de compra-venda da factoría se resolva de forma satisfactoria. Nese sentido, Feijóo trasladoulles a máxima colaboración do Goberno galego e agradeceu a disposición ao diálogo de todas as partes.

Ao termo da xuntanza, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, que tamén participou na mesa multilateral de Alcoa San Cibrao, subliñou que a Xunta vai seguir, como ata o de agora, aberta a colaborar e formar parte da solución se esa solución pasa por un proxecto viable e de futuro que garanta o mantemento dos postos de traballo e da actividade dunha factoría esencial para o desenvolvemento económico de toda a comarca da Mariña.

Así, precisou que se lle trasladou a Liberty House a disposición da Xunta a colaborar na tramitación administrativa e no asesoramento técnico para sacar adiante os proxectos definitivos que se inclúan no plan industrial. Ao respecto, engadiu que tamén se lles solicitou que esta planificación vaia acompañada dun plan financeiro e dun cronograma onde se recolla a posible entrada en funcionamento das diferentes actuacións. Conde sinalou que, ademais, o Goberno galego se compromete a incluír estes proxectos nas propostas de Galicia ao Fondo Europeo de Recuperación. “Pedímoslle que se concrete un plan industrial, unha aposta firme para facer investimentos que garantan a viabilidade da planta en San Cibrao e o máximo esforzo para que se poida concretar esa oferta”, explicou o conselleiro, que engadiu que a Alcoa, por outra banda, a Xunta demándalle proactividade para poder acadar ese acordo.

Á espera de como avancen as negociacións ao longo das seis semanas de prazo que Alcoa e o comité de empresa se deron para seguir co período de consultas do ERE, Conde insistiu en que este é un momento clave e decisivo para o futuro de Alcoa San Cibrao e o milleiro de familias que dependen dela, polo que instou a aproveitar esta última oportunidade. “Temos iniciado o proceso, son seis semanas, e é agora ou nunca”, enfatizou.

Con este obxectivo, fixo un chamamento á responsabilidade de todas as partes e demandou novamente ao Goberno central que estableza un prezo eléctrico competitivo que permita reducir os custos enerxéticos de factorías como a de Alcoa en San Cibrao. Un marco enerxético indispensable, dixo, para que Alcoa e Liberty House poidan avanzar nas negociacións.

Nese contexto, nada se pode facer se non hai un Estatuto para os consumidores electrointensivos, un sistema de compensacións por custos indirectos de CO², se non se activa o novo mecanismo de xestión da demanda que substitúa a poxa por interrompebilidade e se non hai o compromiso firme do Goberno de avaliar que proxectos do plan industrial de Liberty House poden optar ao Fondo Europeo de Recuperación.

0.16263699531555