Licitada a obra de mellora dun tramo da avenida da Habana, nas Pontes

TerraChaXa
As actuacións contan cun orzamento de 166.538,11 euros e serán financiadas con fondos da Deputación da Coruña
avenida-da-habana
29 Sep 2025

O Concello das Pontes vén de iniciar o proceso de licitación das obras de mellora de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre o número 99 e o cruce coa rúa Cabanas, no centro urbano da vila.

As actuacións contan cun orzamento de 166.538,11 euros e serán financiadas con fondos da Deputación da Coruña e o obxectivo principal desta intervención é mellorar a seguridade viaria dos peóns mediante a renovación integral das beirarrúas e a substitución das instalacións de saneamento e iluminación, actuando sobre ambas marxes da rúa.

A obra contempla a execución dunha nova rede separativa de pluviais, mediante canalizacións de PVC de alta rixidez e a instalación de sumidoiros, arquetas e elementos de recollida nas baixantes actuais, que se conectarán ás redes existentes.

Así mesmo, renovarase a iluminación pública con tecnoloxía LED, mediante a instalación de novos báculos de 7 metros con luminarias de estrada e paseo, garantindo unha iluminación máis eficiente e sustentable.

O proxecto inclúe a reconstrución completa das beirarrúas con materiais de calidade, accesibles e acordes coa estética da contorna, así como a creación dunha plataforma única para mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil. A calzada será pavimentada cunha nova capa de aglomerado en quente, favorecendo a drenaxe cara aos sumidoiros.

Tamén se dotará a zona de novo mobiliario urbano, como papeleiras e xardineiras de madeira tratada, e realizarase a sinalización horizontal necesaria, incluíndo pasos de peóns e prazas accesibles.

Con esta actuación, o Concello das Pontes continúa apostando pola mellora da calidade dos espazos públicos e pola modernización das infraestruturas urbanas, co obxectivo de facer da vila un lugar máis cómodo, accesible e seguro para todas as persoas.

⚙ Configurar cookies
0.10145616531372