Licitada a obra para a humanización do Campo da Feira do Viveiró

TerraChaXa
Licitada a obra que permite a Deputación a achega a Muras 409.000€ para a humanización do Campo da Feira do Viveiró
campo da feira viveiro muras
12 Mar 2023

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial aprobou a licitación para a humanización do Campo da Feira do Viveiró, no concello de Muras. A entidade achega para esta actuación 409.000€ de orzamento en dúas anualidades, o que representa practicamente o 90% do importe total necesario para acometer as obras, mentres que o 10% restante, ata chegar ós 460.000€, son asumidos polo Concello de Muras.

“Estes traballos servirán para facer máis accesible e cómodo, e para dar unha nova imaxe a este espazo público, que acolle citas de gran importancia para o concello e para a comarca como pode ser a Feira do Mel”, explicou a deputada Pilar García Porto.

Con estas obras no Viveiró vaise recuperar o campo da feira orixinal, que ten unha superficie que supera os 3.670 m2, reordenando os usos e humanizando a contorna. Ademais, tamén se van acondicionar as estradas LU-P-3404 e LU-P-6502 que discorren por esta praza. O resultado final da actuación suporá a creación dun novo espazo de convivencia humanizado no que o peón cobrará protagonismo fronte ao tráfico rodado.

Vaise crear unha única zona cun firme de formigón, que estará dotado de novo mobiliario urbano. Este punto estará ordenado, indicando con claridade o viario destinado ao uso dos vehículos así como das zonas destinadas a aparcamento. Esta obra incluirá melloras en accesibilidade pensadas para persoas con mobilidade reducida ou carros de bebés. Así mesmo, renovaranse os servizos públicos como a rede de saneamento, pluviais, a rede de enerxía eléctrica, a rede de telecomunicacións e o alumeado público. Simbolizarase o Viveiró como o corazón do Xistral mediante o plantado de árbores en torno a uns círculos de céspede.

0.26850700378418