Licitada unha nova fase das obras de mellora da avenida da Habana das Pontes

TerraChaXa
As Pontes aprobou o expediente de licitación dunha nova fase das obras de reposición de servizos e pavimentos na Avenida da Habana.
avenida da habana as pontes
4 Nov 2022

O Concello das Pontes aprobou o expediente de licitación dunha nova fase das obras de reposición de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre os números 76 e 99.

O proxecto, cun orzamento de 147.774,48€ euros e financiado pola Deputación da Coruña, permitirá mellorar os actuais servizos de iluminación e saneamento e por outro lado a reposición dos pavimentos da beirrrúas e viario, configurando un vial a nivel coa beirarrúa, dotando de total accesibilidade en todo o tramo a executar.

Así, crearase unha nova rede de recollida de aguas pluviais separativa, nas dúas marxes do viario, mediante novas canalizacións, que irá dotada dos correspondentes sumidoiros e arquetas de recollida de acometidas das vivendas.

Proxéctase igualmente o cambio do alumeado público, coa instalación de novos puntos de iluminación con tecnoloxía LED, sobre novos báculos dobres de 7 metros de altura.

As obras completaranse coa execución de novas beirarrúas, con bordo prefabricado de formigón e pavimento con baldosas de formigón granallado, en cor igual á empregada nas fases anteriores, así mesmo os pasos de peóns executaranse con baldosa regulamentaria de botóns e direccional. A calzada pavimentarase con aglomerado, a nivel, para crear unha plataforma única.

Os traballos rematarán coa dotación de mobiliario urbano e a reposición da sinalización horizontal e vertical.

0.11819005012512