Licitadas a obras para a reforma do firme de tres estradas autonómicas
As estradas afectadas son a LU-231, LU-232 e LU-115, nos municipios de Lugo, Friol, Palas de Rei, Castro de Rei e Outeiro de Rei.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita onte as obras de reforzo do firme de tres estradas da rede autonómica na provincia de Lugo, ás que destina un orzamento de 2.156.154 euros.
Durante unha visita a Outeiro de Rei, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se acondicionarán a estrada LU-115, que conecta este municipio con Castro de Rei; a LU-231, entre Friol e Palas de Rei; e a LU-232 entre Friol e Lugo; as tres vías prestan servizo a unha poboación total de máis de 114.000 persoas.
Vaise proceder á renovación da capa de rodadura con mestura bituminosa en quente e da sinalización horizontal, xunto con outras actuacións en función do grao de deterioro que presente a calzada.
Así, no que respecta ás estradas LU-232 e LU-115, intervirase sobre a práctica totalidade da lonxitude, en especial nas zonas que presentan fisuración, roturas puntuais ou deformacións. No caso da LU-231, a actuación discorre desde o comezo da estrada en Friol (na conexión coa LU-232) e remata no quilómetro 9,400, en Palas de Rei.
O prazo de presentación de ofertas rematará o día 19 de abril; unha vez adxudicadas, o prazo previsto para a execución das obras é de seis meses.