Licitadas as obras do IES Vilar Ponte de Viveiro
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación, por 1.949.080,07 euros, de obras de acondicionamento xeral en 8 centros educativos. Os centros obxecto de mellora serán o IES de Canido (Ferrol), o CEIP Flavia (Padrón), o CEIP Heroínas de Sálvora (Ribeira), o IES Vilar Ponte (Viveiro), o CEIP Plurilingüe Eloísa Rivadulla (Chantada), CEIP Xose Luís Taboada (Carballedo), o CEIP de Palas de Rei e o IES Nº 1 (O Carballiño).
A finalidade das obras proxectadas é acadar un maior aforro enerxético, ademais de executar outras actuacións accesorias. O obxectivo é iniciar as obras no centro durante o verán e compatibilizalas co inicio do curso escolar, sempre baixo as máximas medidas de seguridade. Os prazos de execución van entre o mes e medio e os 2 meses e medio.
Así, no IES Vilar Ponte de Viveiro, o orzamento é de 236.118,38 euros e o prazo de execución de 2 meses e medio. Con estas obras cambiarase tamén carpintería exterior que non foi mudada nos últimos anos e ademais, illarase a fachada polo exterior mediante sistema SATE, cambiaranse as luminarias por tecnoloxía LED e pintaranse os teitos interiores.